Mobilizacións o 2 de febreiro para exixir que se aprobe de inmediato a suba das pensións
O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG ten convocadas concentracións o próximo luns, 2 de febreiro, nas sete cidades para reclamar a aprobación e aplicación inmediata da suba das pensións, logo de ser rexeitado no Congreso o decreto que incluía o incremento previsto para este 2026. Denuncian que, unha vez máis, se deixa as persoas xubiladas e pensionistas “na indefensión” ao non estar garantida por lei a revalorización, polo que reivindican que esta sexa automática e calculada conforme ao IPC real interanual.
HORAS E LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS
- A Coruña: 11h, diante do INSS da Rúa Félix Estrada Catoira (Catro Camiños)
- Ourense: 11:30h, diante do INSS do Parque de San Lázaro
- Ferrol: 12h, diante do INSS da Rúa Catalunya
- Pontevedra: 11.30h, diante do INSS da Rúa Gagos de Mendoza
- Vigo: 11.30h, diante do Mercado do Calvario (Urzáiz, 183)
- Lugo: 11.30h, diante do INSS da Ronda Xosé Castiñeira
- Santiago: 12h, diante do INSS da Rúa Galeras
O Colectivo da CIG leva anos denunciando as reformas das pensións “que nos levaron á situación actual” e mobilizándose por un sistema de pensións públicas dignas e garantidas. De feito, a pasada semana realizaron concentracións nas sete cidades para exixir a revalorización das contías polo IPC real interanual e a derrogación das reformas das pensións, comezando pola do ano 2011 que atrasou e dificultou o acceso á xubilación.
Subliñan que ademais de perder poder adquisitivo ao aplicárselles a revalorización polo IPC medio, como a suba non é automática por lei, “as persoas xubiladas vémonos convertidas e moeda de cambio para o xogo que teñen PP e PSOE, e algunha outra organización política”. Critican que as pensións se teñen convertido “nunha ficha máis no taboleiro político” facilitando que, por segundo ano consecutivo, na votación no Congreso se tombe o decreto que recolle o incremento “que se xa era insuficiente, agora nin sequera se vai poder aplicar”.
Ante esta situación, “desde o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG dicimos alto e claro que non imos quedar en silencio nin caer na resignación. Non aceptamos que se xogue coas nosas pensións nin que se negocie cos nosos dereitos”. Chaman a saír a rúa para reclamar que “non se mercadee coas nosas pensións, que non se utilicen como arma política, que non se xogue co noso sustento, que se derroguen dunha vez as reformas das pensións e se estabeleza por lei a revalorización automática de acordo ao IPC acumulado, en lugar do índice actual”.
Advirten que seguirán a se mobilizar cantas veces sexa necesario porque o que está en cuestión non son cifras nin porcentaxes, “senón a dignidade de centos de miles de persoas que, despois dunha vida enteira de traballo, temos dereito a vivir con seguridade e sen incerteza”.