Mobilizacións por unha saída galega xusta da crise o 15 de decembro en cidades e vilas

No marco da campaña posta en marcha pola CIG para socializar as súas propostas alternativas

Nacional -

O Consello Confederal da CIG acordou, na xuntanza celebrada o pasado 27 de novembro, convocar concentracións para o vindeiro día 15 de decembro en cidades e vilas galegas. As mobilizacións insírense na campaña –para a central sindical prioritaria– en demanda de políticas que permitan unha saída galega xusta da crise.

A pandemia e a súa xestión evidenciaron o fracaso e as inxustizas do neoliberalismo e a súa incapacidade para dar solución a cuestións vitais como as sanitarias. Priorizouse a economía fronte á preservación da saúde e o benestar da poboación, mercantilizouse a vida humana e deixáronse na máis absoluta desprotección amplos sectores das clases populares. 

A pandemia e a súa xestión evidenciaron o fracaso e as inxustizas do neoliberalismo

Esta crise saltou cando en Galiza estabamos aínda inmersos nunha grave crise social, industrial e demográfica, agravada pola incesante emigración e polas políticas suicidas do goberno do PP na Xunta de Galiza.

Coas propostas presentadas pola central sindical –debatidas no último mes en infinidade de asembleas de delegadas/os e mesmo defendidas polo secretario xeral, Paulo Carril, na Comisión especial para a reactivación económica de Galiza pola crise Covid-19 do Parlamento galego– preténdese promover unha actuación pública eficaz e radicalmente distinta e impedir que as medidas que se articulen supoñan un novo saqueo á clase traballadora.

Xunto a esta campaña, están en marcha as mobilizacións do colectivo de xubiladas/os e pensionistas, coa reivindicación de políticas públicas de asistencia ás persoas maiores e coa vista posta na anunciada reforma das pensións que, á vista das recomendacións do Pacto de Toledo, virá consolidar os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.

Recomendacións entre as que non se contemplan mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a CIG tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1142 euros/mes.

Si se contempla, porén, fomentar os ‘sistemas complementarios’ na negociación colectiva. Un eufemismo para non chamarlle directamente plans privados, que é un dos obxectivos fundamentais da próxima reforma das pensións, como esixe a UE para acceder aos fondos de reconstrución. Plans que xerarán unha nova ruptura da unidade de clase, pola creación de condicións diferentes, e afondarán na precariedade, non xa no laboral, senón no social.

Negociación colectiva

O Consello Confederal tamén considerou unha prioridade da central sindical a negociación colectiva, como a mellor forma para procurar unha mellora real das condicións de traballo e de vida da clase traballadora. 

O teletraballo entrará con forza na negociación colectiva o vindeiro ano

Unha das cuestións que entrará con forza na negociación colectiva o vindeiro ano é o teletraballo. Para a CIG, un elemento de explotación brutal que se está implantando aproveitando a pandemia e a necesidade de minimizar os contactos sociais, pero que está cavando unha gran fosa para as condicións da clase traballadora.

Cómpre pois darlle resposta con intelixencia e aclarando ben as súas consecuencias, ao igual que aos procesos de dixitalización e robotización, que xa están provocando a substitución de persoas por máquinas en empresas como Zara, ou destruíndo miles de postos de traballo en sectores como o da banca.

Por iso, fronte á dureza da actual situación, a CIG aposta por presentar propostas, explicalas nas asembleas e defendelas fronte ao agresivo marco e os abusos nunca vistos do capital contra a clase traballadora. Unha situación que, se non se combate, abre as portas ao fascismo, que está aguilloando detrás aproveitando a indignación que medra conforme medra a precariedade.

Fronte ao sindicalismo da resignación, do entreguismo e do diálogo social co que se facilita a implantación das medidas que a patronal propón e os gobernos facilitan, contamos coa ferramenta organizativa e a capacidade combativa necesaria: a CIG.

Volver