Mobilizámonos en defensa do sistema público de pensións

Nacional -

O domingo 15 de abril, a CIG ten convocada unha xornada nacional de loita en defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos dereitos roubados e para reivindicar emprego e salarios dignos, como única garantía de termos unhas pensións dignas. Damos así continuidade ás mobilizacións que vimos realizando polas pensións, mais desta volta descentralizando as protestas en multitude de localidades para visibilizar o amplo rexeitamento social ás políticas dos gobernos do PP.

A reivindicación dunhas pensións dignas é unha loita que abrangue a toda a clase traballadora, por iso a CIG ten en marcha unha campaña para levar aos centros de traballo o debate sobre a necesidade de defender o sistema de público de pensións e artellar as respostas adecuadas. A solidariedade interxeracional constitúe un dos piares da protección social e conquistar este dereito supuxo décadas de loita obreira, que agora toca defender con firmeza.

É o momento de acumular forzas e dar unha resposta contundente que obrigue o Goberno do PP á derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, porque canto máis tempo sigan vixentes, máis se empobrecerá a clase traballadora e máis se deteriorarán as nosas condicións de vida. Por iso estas reivindicacións, ao igual que fixemos o pasado 10 de Marzo, Día da Clase Obreira, centrarán tamén as mobilizacións do 1º de Maio.

Galiza conta coas pensións máis baixas

As reformas aplicadas en 2011 (polo Goberno do PSOE, co apoio de CCOO e UGT, e contra da que a CIG convocou unha folga xeral en solitario) e en 2013 (polo Goberno do PP) introduciron recortes tremendamente regresivos que provocaron unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas e están ocasionando que quen accede agora á xubilación o faga percibindo contías inferiores.

A reivindicación dunhas pensións dignas é unha loita que abrangue a toda a clase traballadora

Os efectos destas reformas agrávanse en Galiza, onde as pensións están máis de 15 puntos por debaixo da media do Estado español. E prexudican de maneira especial as mulleres: 1 de cada 4 galegas maiores de 65 anos está baixo a liña da pobreza. O paradoxal desta realidade é que Galiza non é deficitaria en recursos para pagar as pensións, o que ocorre é que carecemos de competencias para que sexa en Galiza onde se faga o pagamento dos impostos e das cotizacións sociais, daqueles centros de traballo situados aquí. Pero ademais, constan como transferencias as pensións dos e das galegas que emigraron e retornan ao país rematada a súa vida laboral, xerándose así un falso déficit das pensións.

Estas reformas foron acompañadas de toda unha batería de medidas lexislativas destinadas a consolidar un mercado laboral precarizado con salarios baixos, e polo tanto con cotizacións cativas, que minguan os ingresos actuais do sistema e as posibilidades de accederen a unha pensión digna no futuro ás persoas que hoxe está en activo.

Quen goberna lexisla para fomentar as pensións privadas, que só favorecen as grandes empresas e a banca. Mobilizármonos para tombar todas estas políticas é a única alternativa para articular medidas que garantan a viabilidade do sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional.

Volver