Mobilízanse contra a ampliación da xornada que pretende impoñer a nova dirección de Clesa

A empresa de Caldas de Reis está a incumprir a promesa de facer fixo o persoal temporal e de ETT
Caldas de Reis - 03 Mai 2022

O cadro de persoal de Clesa, empresa dedicada á elaboración de produtos lácteos con sede en Caldas de Reis, desenvolveu onte unha concentración diante da compañía para rexeitar a ampliación da xornada laboral que pretende impoñer a nova dirección. Dende o comité (2 delegados/as da CIG, 2 da UGT e 1 de CCOO) denuncian que a firma está a incumprir moitas das promesas feitas con anterioridade, entre elas a de facer fixo o persoal temporal e de ETT.

A representación sindical critica que a nova dirección de Clesa -tras a súa adquisición por parte dun grupo de cooperativas agrogandeiras, da que CLUN é a accionista maioritaria- pretenda impoñer a ampliación da xornada laboral, actualmente de luns a venres ordinariamente, “para obrigarnos a vir todos os sábados á totalidade do persoal de produción”.

Explican que durante o mes de abril o comité intentou negociar sen éxito coa dirección unha medida “temporal e xusta” para o cadro de persoal pero non chegamos a acordo, ao tempo que lembran que o actual número de persoas traballadoras no departamento de fabricación non é suficiente para cubrir estas quendas rotatorias de mañá, tarde e noite en xornadas de luns a venres, “e moito menos se se amplía a obriga de traballar todos os sábados”.

Ademais, censuran que a empresa estea a incumprir “mes tras mes” moitas das promesas “e aínda estamos agardando a que fagan fixo o persoal contratado temporal e de ETT”. Finalmente, indican que moitas seccións da empresa, coma mantemento ou produción, están desbordadas “e o seu persoal non pode aguantar máis esta situación”.

E lamentan que a dirección reclame “sobreesforzo tras sobreesforzo” pero a cambio “só nos dá unhas esmolas e pretende acabar tamén co dereito de conciliación familiar e laboral, xa moi difícil de garantir na actualidade”.