Protestan polo cese de actividade de 48 fixas descontinuas da conserveira Garavilla do Grove

O comité denuncia falta de transparencia na decisión adoptada pola transnacional propietaria, Bolton Food, que supostamente as vai reincorporar tras o verán
O Grove - 12 Mai 2023

Traballadoras/es da conserveira Garavilla do Grove desenvolveron este mércores unha concentración diante da empresa coincidindo co cambio de quenda para rexeitar a decisión da transnacional propietaria, Boston Food, de mandar para as súas casas a 48 compañeiras/os fixas/os descontinuas/os.

Dende o comité, do que fai parte a CIG, denuncian que a dirección tomou a medida de xeito unilateral e sen previo aviso á representación sindical, “o que xerou un clima de desconfianza pola falta de información e porque están a derivar carga de traballo a empresas como Rons”.

Dende a central explican que a día de hoxe Garavilla conta cun 90% de contratos temporais de persoal fixo descontinuo de ETT con duracións máximas de 18 meses “e sen garantir carga de traballo nin condicións dignas”, polo que coa protesta pretendíase tamén reivindicar melloras laborais.

Na CIG temen que as últimas manobras de Bolton Food poidan desembocar nun conflito laboral como o acontecido na conserveira Thenaisie, que estaba tamén en mans de capital estranxeiro ao ter pertencido ao grupo romanés Scandia Food. Neste senso, advirten da “preocupante” situación do sector conserveiro galego ante “o avance da especulación dos fondos internacionais de investimento”.

Finalmente, lembran que Bolton Food foi das últimas empresas do sector en pagar os atrasos do convenio da conserva, “e fixérono xusto o día antes desta mobilización”. Con todo, a compañía aínda ten pendente facilitar información da auditoría retributiva na negociación do plan de igualdade, “cando estamos a falar dunha empresa que ten unha fenda salarial do 38%”.