Mobilízanse contra o peche do centro de control de Iberdrola na Rúa ao berro de “estamos fartos/as de ser unha colonia”

Centos de persoas participaron na manifestación convocada hoxe pola CIG
Ourense - 28 Mar 2021

A CIG-Industria celebrou hoxe unha nova mobilización contra o peche do Centro de Operación de Cuenca (COC) do río Sil que Iberdrola xestiona na Rúa e para reclamar o mantemento da instalación e de todos os postos de traballo no noso país. Centos de persoas participaron na manifestación que percorreu a localidade ourensá da Rúa ao berro de “estamos fartos/as de ser unha colonia”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou ao remate da marcha que con esta mobilización a central sindical quere trasladarlle a súa solidariedade aos compañeiros/as afectados/as por esta decisión empresarial e denunciar o que está a suceder, “pero tamén queremos deixar claro que existen alternativas que temos que forzar mediante a mobilización”. Por iso adiantou que a CIG seguirá a facer todo o posíbel para evitar o peche deste centro de control e a perda dos empregos.

Carril fixo fincapé en que a CIG é un sindicato nacionalista e de clase, por iso reivindica o dereito dos galegos/as a vivir e traballar dignamente na nosa terra. Ademais, indicou que o que está a suceder con Iberdrola demostra até que punto é urxente a derrogación da reforma laboral que permite que as empresas poidan tomar decisións unilaterais sen importar as consecuencias que teñan para unha comarca e para as persoas afectadas.

“E isto prodúcese nun momento no que estamos a vivir unha auténtica emerxencia nacional e social, pero non como consecuencia da crise derivada da covid, senón que o noso país en xeral, e esta comarca en particular, levan moito tempo padecendo un proceso de desertización produtiva e industrial e o abandono máis absoluto. Mais o poder instalado na Xunta de Galiza só provoca máis dependencia e máis submisión ás grandes empresas”, aseverou.

O máximo responsábel da central sindical denunciou que o noso país está a sufrir o espolio salvaxe dos recurso naturais, e preguntouse como é posíbel que sendo, xunto con Catalunya, o primeiro produtor de enerxía do Estado “esteamos a exportar o 30% da nosa enerxía para crear emprego e industria noutros territorios mentres aquí temos desemprego, peches de empresas e decisións empresariais como esta”.

Espolio dos nosos recursos

Lembrou que a CIG leva tempo reivindicando unha tarifa eléctrica galega e que as centrais hidroeléctricas sexan xestionadas de novo polo poder público, “porque temos dereito que a produción de enerxía reverta no noso beneficio”. Nesta liña, lamentou que empresas como Iberdrola estean a impoñer unha ditadura de prezos que nos abocan á pobreza enerxética, mentres o noso país non pode tirar rendemento da produción enerxética.

“Por iso cando cando se producen decisións coma esta lembramos aquilo de xa estamos fartos/as de ser unha colonia, de que se nos espolien os nosos recursos e que nin sequera 20 postos de traballo se poidan manter aquí. Esta impunidade coa que actúa Iberdrola só se entende dende a submisión do Partido Popular e do presidente a Xunta coa empresa”, censurou.

Finalmente, quixo deixar claro que non imos deixar de mobilizarnos para denunciar o que está a acontecer, “de igual xeito que o fan os compañeiros/as de Naturgy na Coruña, onde tamén queren pechar o centro de operacións para trasladalo a Madrid. Por iso imos a seguir dando a batalla para evitar que isto se produza”.