Mobilízanse diante da residencia de maiores Santa Teresa da Cañiza pola dignificación das condicións laborais
Persoas traballadoras da Residencia Geriátrica Santa Teresa da Cañiza mobilizáronse hoxe diante do centro de maiores xunto a delegadas da CIG no sector de coidados para reclamar a dignificación das súas condicións laborais, máis persoal e unha mellora das instalacións que redunde na mellora da atención e das condicións de vida das persoas usuarias.
Na concentración, que se desenvolveu de 11:00 a 12:00 horas ao berro de “Non somos escravas, somos traballadoras” e “San Rosendo, escoita, estamos en loita”, participaron medio cento das arredor de 80 persoas que traballan na residencia, que estiveron acompañadas por delegadas da CIG no sector dos coidados (SAF e residencias).
Dende a central sindical explican que cando hai tres anos conseguiron a maioría no comité de empresa (3 de 5 representantes) comezaron os contactos coa dirección para mellorar tanto as condicións laborais como o propio centro, ademais de abordar a necesidade de ampliar o cadro de persoal para rematar coa sobrecarga de traballo que padecen as persoas empregadas na actualidade.
En concreto, demandan que a empresa teña como referencia o convenio galego de Residencias, xa que agora aplica o propio de empresa baseado no estatal de Atención a Persoas con Discapacidade, con peores condicións e salarios máis baixos. Ante a negativa da empresa a negociar, a CIG xa iniciou os recursos xudiciais encamiñados a lograr que se aplique o convenio de sector. O persoal solicita tamén novas contratacións, xa que na actualidade as coidadoras están obrigadas a facer tamén labores de lavandería, axuda en cociña, limpeza, etc.
Aire acondicionado
No que respecta ao propio centro, consideran necesario a instalación de aire acondicionado para impedir que as altas temperaturas durante a época estival afecten a saúde das persoas residentes. A isto hai que sumarlle a falta de profesionais en psicoloxía e fisioterapia. “Todo isto afecta á atención das persoas usuarias, porque o tempo que podemos dedicarlles é escaso”, sinalan dende a representación da CIG na residencia.
Nos últimos tres anos a dirección accedeu a manter xuntanzas unicamente nun par de ocasións, optando por ignorar a representación sindical. “Négase a sentarse e vincula a negociación ao comité intercentros, que ten controlado, e no que nós contamos unicamente con 7 representantes de 63”, denuncian dende a CIG-Servizos.