• Nova

Mobilízanse na residencia Mi Casa de Pazos de Borbén para esixir un trato digno a usuarias e traballadoras

Delegadas da CIG reclamaron a dimisión da conselleira de Política Social, de quen depende a inspección
Pazos de Borbén - 06 Xun 2022

Máis de medio cento de traballadoras/es e delegadas/os sindicais da CIG no sector das residencias da terceira idade desenvolveron hoxe unha concentración diante da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén para esixir un trato digno tanto ás persoas usuarias como ás traballadoras tras as denuncias por maltrato que se veñen de coñecer. Dende a central sindical reclaman a dimisión da conselleira de Política Social, Fabiola García, cuxo departamento é responsábel dun servizo de inspección “que ben non funcionou ou directamente non fixo o seu laboral, porque o acontece neste centro leva anos sucedendo”.

Durante a protesta, que se desenvolveu a partir das 11:30 horas e na que tamén participaron membros do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Vigo, despregouse unha faixa na que se podía ler “Residencias e loita por unhas condicións de traballo dignas” e berráronse consignas como “Trato decente para as dependentes”, “Menos discursos e máis recursos” ou “Lucía, escoita, estamos en loita”, esta última en referencia á propietaria da residencia, Lucía Pedroso, que fora expedientada en 2017 tras detectarse sobreocupación no centro. .

Aínda que os berros máis coreados foron para reclamar a dimisión da responsábel de Política Social, Fabiola García, xa que, tal e como lembra Pedro Pérez, da CIG-Servizos, o seu departamento é coñecedor das irregularidades detectadas na residencia porque o servizo de inspección fixo varios requirimentos por incumprimentos en relación ao persoal de enfermaría e cociña, ademais de instar a manter un estado óptimo de limpeza e salubridade, indicando que o menú debe de estar supervisado en dietética e nutrición e en perfecto estado de conservación e que as comidas deben darse en horarios razoábeis.

Do mesmo xeito, requiríronlles os rexistros das actividades básicas da vida diaria (ABVD). “Aínda así non ordenou o seu peche, sendo responsabilidade súa o que alí acontece por ser a encargada directa da inspección dos centros da terceira idade, polo que estendemos que ten que abandonar o seu cargo”.

Xa en 2017 unha denuncia da CIG supuxo a apertura dun expediente de Política Social á residencia por sobreocupación, xa que tiña un total de 63 residentes cando si contaba con 58 prazas, 22 delas subvencionadas pola Xunta. A irregularidade fora constada pola propia Garda Civil, que acudira ao centro a instancias da inspectora autonómica e atopara cinco persoas maiores agochadas no interior dun galpón. Agora as deficiencias deste centro volven saír á luz tras as denuncias feitas públicas por malos tratos, falta de atención e de persoal.

O feito de que a propietaria de Mi Casa, Lucía Pedroso, fose no seu día presidenta da Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra e manteña vinculacións con altos cargos do PP na Xunta leva o responsábel sindical a preguntarse se existe un trato do favor por parte da Administración autonómica cara a esta persoas e ás súas empresas. Xa que ademais de contar con esta residencia xestiona outras empresas de axuda no fogar que prestan servizo para distintos Concellos e cuxos contratos foron rescindidos por impagos ao persoal, como aconteceu en Silleda ou na propio Pazos de Borbén.

Na CIG entenden que este tipo irregularidades acontecen porque o actual modelo concibe as necesidades asistenciais como un negocio, precarizando as condicións laborais para así incrementar os beneficios. Por iso para a central a solución ten que pasar pola creación dun sistema público galego de atención as persoas: “temos que poñer os coidados no centro das políticas públicas, abandonando a xestión privada, que só busca obter beneficios a costa das persoas maiores e dignificando as condicións laborais das persoas traballadoras”.