Mobilízanse en Ourense pola readmisión dos delegados despedidos por represión sindical no Grupo INDEA

A empresa do sector da automoción rescindiulle o contrato a tres representantes sindicais que se negaron a asinar un ERTE
Ourense - 26 Set 2024

A CIG e a UGT desenvolveron este mediodía unha mobilización diante das instalacións de INDEA AURIENSE, no polígono industrial de Pereiro de Aguiar, en Ourense, para reclamar readmisión dos tres delegados despedidos por represión sindical (dous da central nacionalista e un do sindicato estatal) tras negárense a asinar un ERTE.

 

Dende a CIG-Industria explican que o Grupo INDEA (Hispamoldes, Hispaplasti, Plásticos de Palencia), que está a exercer unha campaña de acoso contra a representación sindical, xustifica as rescisións de contrato pola supresión da sección de axuste e erosión.

Pero o certo é que a central nacionalista leva dende 2020 denunciando a intención da compañía de desmantelar a fábrica ourensá, deixando só unha oficina técnica e trasladando a produción a China e Portugal.

Os problemas nestas empresas da automoción comezaron a raíz da súa adquisición por parte fondos de investimento Sapa Group e Quarza, co obxectivo de crear “un provedor de referencia na industria europea da mobilidade sostíbel”, que bautizaron como Grupo INDEA. Pois ben, dende a CIG-Industria advirten que a nova propiedade “non aposta por Ourense e está a deixar morrer as empresas ”, ademais de aplicar ERTE sen acordo.