Mobilízanse novamente nas rúas da Coruña para exixir a Endesa que garanta o emprego nas Pontes

Concentráronse diante do viceconsulado italano e na Delegación do Goberno en Galiza
A Coruña - 16 Set 2019

Sindicatos, transportistas, prexubilados, veciñanza das Pontes e representantes da corporación municipal mobilizáronse esta mañá polas rúas da Coruña a onde chegaron os transportistas cos seus camións formando longas colas nas vías de acceso á cidade. A primeira concentración, convocada polas clases pasivas de Endesa, celebrouse diante do viceconsulado de Italia para denunciar a situación en relación cos beneficios sociais. De aí partiron en manifestación cara á Delegación do Goberno, onde conseguiron ser recibidos polo propio delegado do goberno quen confirmou que haberá unha xuntanza con Endesa, Rede Eléctrica e o Ministerio, en Madrid, na última semana deste mes.

 Na xuntanza con Javier Losada participaron representantes das organizacións sindicais –en representación da CIG Alberte Amado-, o alcalde das Pontes, representantes dos transportistas e de Seara, a asociación de empresarios das Pontes.

Amado explica que no decurso da reunión as partes reiteraron a urxente necesidade dunha xuntanza con Endesa, na que estivera tamén o Ministerio, para saber cales son as pretensións da empresa e para exixirlle garantías de emprego e de impulso económico, tanto para a localidade das Pontes como para a súa comarca, neste proceso de transformación.

En todo caso, o representante da CIG matiza que “non é só importante a reunión con Endesa senón tamén co ministerio, que ten moito que dicir xa que a transición ecolóxica pasa polo que eles lexislen e entendemos que non o están facendo dunha maneira ordenada que permita acometer o proceso con tranquilidade para evitar que haxa perda de emprego”.

Amado subliña que a Endesa se lle demanda que non aproveite este proceso de transición ecolóxica para “pechar e deixarnos a todos mangados”,  e que aclare a súa posición, porque máis alá do contacto que se mantivo coa empresa en agosto, non houbo ningún compromiso firme. “Non sabemos cal é a súa postura definitiva, mais cando estaba facendo unha serie de obras para adaptar as instalacións a esa transición e paralizounas o propio venres”.

Obras que Alberte Amado advirte que son imprescindíbeis porque “se non se reanudan hai dous grupos que non poderán producir a partir de xullo do ano que vén”.

Beneficios sociais

Previa a concentración diante da Delegación do Goberno, o colectivo de clases pasivas de Endesa tiña convocada outra diante do Viceconsulado de Italia que se insire no marco da campaña en defensa dos beneficios sociais para este colectivo. A finais de decembro pasado Endesa -valéndose das facilidades introducidas pola reforma laboral- deu por decaído o convenio colectivo, deixando sen marco regulador de referencia os seus empregados e empregadas e aproveitando esta circunstancia para comunicar a supresión dos beneficios sociais e económicos (entre eles a bonificación da tarifa eléctrica) que teñen recoñecidas as clases pasivas (prexubilados/as, xubilados/as, viúvas e orfos/as). Un colectivo que suma máis de 27.000 persoas en todo o estado.

O forte rexeitamento que esta decisión xerou e as  numerosas mobilizacións realizadas, levaron á empresa a adiar a suspensión dos beneficios sociais dende xullo até o 1 de outubro e a retomar a negociación do convenio colectivo. Porén, aínda que a negociación está aberta, o certo é que non se produciu ningún avance. Por iso manteñen unha campaña de protestas na defensa duns dereitos que lles custaron moitos anos e loitas conquistar.