Esixen cunha concentración diante de Nestlé que se respecte o dereito a conciliar a vida laboral e familiar

A empresa con sede en Pontecesures quere obrigar o persoal a traballar máis fins de semana
Pontecesures - 21 Abr 2021

O cadro de persoal do centro de traballo de Nestlé en Pontecesures desenvolveu onte unha mobilización para esixirlle á empresa que respecte o seu dereito a conciliar a vida laboral e familiar despois de que a dirección lle comunicase ao comité a súa intención de traballar máis fins de semana ao ano.

Dende a FGAMT-CIG do Salnés explican que até o de agora os empregados/as de Nestlé traballaban cinco fins de semana seguidos e despois libraban tres, xa que a actividade da compañía esténdese de luns a domingo. “Pero agora a empresa quere obrigalos/as a traballar máis, sen ofrecerlles nada a cambio”, denuncian.

Por iso o comité, presidido pola CIG, decidiu convocar unha mobilización diante das instalacións da empresa que se desenvolveu este luns de 13:00 a 15:00 horas, para que puidesen participar traballadores/as de todas as quendas. “O único que pide a representación sindical é poder manter máis tempo libre durante as fins de semana para poder conciliar a vida laboral e familiar”.

O vindeiro luns está previsto que empresa e comité manteñan unha nova xuntanza, tras o que a representación dos traballadores/as convocará unha nova asemblea para informar do seu contido e decidir os seguintes pasos a dar. “Non se descarta a convocatoria de novas mobilización e incluso dunha xornada de folga”, rematan.