Mobilízanse para rexeitar cinco despidos nun supermercado Eroski de Vigo

O comité denuncia que tras a reforma do establecemento a dirección optou por eliminar varias seccións que estaban atendidas por persoal
Vigo - 08 Set 2026

Persoas traballadoras e delegadas de Eroski e doutras empresas do comercio de alimentación mobilizáronse hoxe en Vigo para rexeitar os cinco despedimentos executados no supermercado da praza de Fernando O Católico. Dende o comité de empresa (CIG, CCOO, UGT, Fetico e CGT) denuncian que tras a reforma do establecemento a dirección optou por eliminar seccións que estaban atendidas por persoal, decisión que fai parte do cambio de modelo comercial iniciado pola compañía vasca e que tamén están a levar a cabo outras marcas do sector.

A concentración desenvolveuse ás portas do Eroski situado á altura do número 3 da praza Fernando O Católico de 11:00 a 12:00 horas para reclamar a readmisión das cinco persoas traballadoras despedidas. Dende a representación da CIG no comité provincial denuncian que hai dous meses a propia empresa asegurou que a remodelación do supermercado non ía supoñer rescisións de contrato xa que o persoal sería recolocado noutros establecementos, “pero un mes despois as cinco compañeiras das seccións de panadaría, chacinaría e carnizaría recibiron as cartas de despido”.

E iso porque estas seccións, que até o de agora estaban atendidas por persoal, pasan a ser de “libre servizo”, un modelo que están a implementar tamén o resto das principais cadeas do sector para reducir custes salariais e aumentar beneficios, como é o caso do formato ‘Tenda 9’ de Mercadona.

O comité de empresa de Eroski considera os despidos “totalmente inxustificados” e sinala que se producen ademais nun contexto xeneralizado de falta de persoal nos establecementos do grupo, “xa que a política de compañía é non cubrir baixas, permisos e vacacións”. En consecuencia, adiantan que seguirán a mobilizarse para rexeitar a decisión mentres non se resolvan os procesos xudiciais nos que se reclamará a nulidade dos despidos.