Mobilízate, o asasinato do meniño de 11 anos en Oza-Cesuras tamén é violencia machista
A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este xoves, 11 de maio, ás 20:00 horas, en repulsa ao asasinato do meniño de 11 anos en Oza- Cesuras a mans do seu pai, mentres gozaba do réxime de visitas. Este asasinato tivo lugar tras varias denuncias presentadas pola nai, ordes de afastamento e peticións de amparo.
Con esta xornada nacional de loita en varias vilas e cidades do país, quérese denunciar un sistema patriarcal onde os fillos e as fillas das mulleres maltratadas son vítimas directas da violencia machista; que en demasiadas ocasións os maltratadores usan aos seus fillos e fillas para facer un dano irreparábel á muller; que a violencia machista é contra toda a sociedade e que as solucións son colectivas.
Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra este crime machista. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.
CONCENTRACIÓNS ás 20 horas:
-A Coruña, Obelisco
-Compostela, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño.
-Ourense, Castañeira
-Pontevedra, Audiencia Provincial
-Lugo, na Praza do Concello
-Vigo, no Marco
-Ferrol, diante do Concello
-Bertamiráns, Praza A Amaía
-Noia, diante do Concello (ás 20:30 horas)