Monbus comeza a entregar os equipos de protección ás traballadoras de acompañamento escolar

Seguirán coas reivindicacións xa que a empresa se nega a regularizarlles a xornada laboral

Guitiriz -

A empresa XG833 Gomez de Castro SA, Luber SL e Autocares Carreira - do grupo Monbus- comezou, por fin, a entregarlle os equipos de protección individual ás traballadoras que prestan o servizo de acompañamento do transporte escolar para o colexio de Guitiriz e Baamonde e Instituto de Guitiriz. Até agora a empresa non lles facilitaba nin máscaras nin os chalecos reflectores cos que teñen que traballar.

Esta mellora prodúcese despois da denuncia pública da súa situación feita polas traballadoras e tras da mobilización que a CIG desenvolveu este mércores diante da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, alertando do incumprimento sistemático dos pregos dos contratos do transporte por parte das empresa, nomeadamente Monbus.

En loita pola regularización da xornada

"Este é un paso importante no recoñecemento dos seus dereitos, pero o labor está incompleto", sinala o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López. Neste senso, denuncia que a empresa continúa sen avanzar na regularización da xornada realmente prestada polas traballadoras, nin no seu rexistro horario. "Na reunión celebrada onte coa empresa evidenciáronse as considerábeis diferenzas entre as partes" polo que, de non atender Monbus a realidade destas traballadoras, "teranas que resolver as autoridades laborais".

Para o responsábel sindical son preocupantes as dificultades que presentan empresas como Monbus (que ten o monopolio do transporte da Xunta, ao acumular o 75% de todos os contratos de Mobilidade) para garantir os dereitos sociais do seu persoal, así como que dende o goberno galego "non se revise o cumprimento das garantías sociais das súas propias concesións".

Así as cousas, as traballadoras xa advertiron que continuarán a defender os seus dereitos.

Volver