Motivos ocultos da paz trumpista

Jorge Elbaum - 18 Xun 2026

A paz trumpista non aparece como o resultado dunha arquitectura diplomática consistente, senón como a consecuencia dunha derrota non recoñecida, de presións económicas cruzadas e de intereses familiares que fan urxente a fabricación dunha vitoria narrativa

 A guerra, desposuída de eufemismos, consiste en quebrar o adversario até impoñerlle a vontade do vencedor. Gaña quen consegue ditar as condicións; perde quen debe aceptalas. Segundo ese patrón histórico, os conflitos adoitan rematar de tres maneiras, por separado ou combinadas: unha resolución militar —con vitoria, derrota e eventual capitulación—; un acordo de paz negociado, formalizado nun documento diplomático; ou un cesamento indefinido das hostilidades, sen sinatura nin garantías explícitas.

 No conflito aberto en 2025 coa guerra dos doce días, ningún destes desenlaces aparece con claridade. Esa zona gris é o territorio preferido de Trump: alí pode converter o fracaso en espectáculo, a ameaza en titular e o repregue nunha vitoria imaxinaria. A guerra deixou ademais ao descuberto a fenda entre Washington e Tel Aviv: Trump procuraba unha vitoria fulminante que incluíse un cambio de réxime en Teherán; pola contra, Benjamin Netanyahu aproveitou a conxuntura para prolongar a ofensiva contra o Eixe da Resistencia, articulado por Irán, co obxectivo de desprazar a fronte bélica cara a terceiros países.

 Trump intenta agochar ese fracaso con ruído. Faino recorrendo a unha táctica xa clásica da guerra híbrida: a inundación do cerco informativo. O método é sinxelo e brutal: saturar a axenda pública con falsidades, medias verdades e contradicións deliberadas até volver esvaradía calquera interpretación dos feitos. Aconsellado no seu momento por Steve Bannon, o inquilino da Casa Branca non comunica: atorda. Inunda o ecosistema mediático para desorientar os seus adversarios internos e, de paso, intenta confundir as autoridades persas. Desde o inicio da segunda etapa do conflito, o 28 de febreiro de 2026, Trump anunciou en 38 ocasións que acadara algún tipo de acordo de paz con Irán. Teherán non confirmou ningún. A paz, polo de agora, existe sobre todo nos seus micrófonos.

 Durante a última semana, Trump volveu abalar entre a ameaza total e a promesa de distensión. Primeiro afirmou estar disposto a destruír Irán, bombardear infraestruturas civís críticas e ocupar a illa de Kharg, punto neurálxico das exportacións petroleiras da República Islámica. Pouco despois proclamou outro acordo que Teherán volveu descoñecer.

 A incoherencia non é un accidente retórico: é o síntoma dunha impotencia estratéxica. As Forzas Armadas máis poderosas do planeta non conseguiron impor a súa vontade sobre Irán. E ese tropezo exterior enlázase cunha deterioración interna que golpea onde máis doe: o peto do electorado que votará en novembro. O 61% dos estadounidenses considera a incursión bélica como un «erro», mentres os empresarios afectados polos aranceis ás importacións —posteriormente anulados polo Tribunal Supremo— comezan a reclamar a devolución de 130.000 millóns de dólares recadados pola actual administración.

 A ese malestar doméstico sumouse a decisión de Teherán de orientar os seus mísiles e drons cara ás ditaduras veciñas da península arábiga, o mesmo territorio onde os señores tecnofeudais ergueron centros de datos dedicados á intelixencia artificial e onde o Pentágono mantén bases militares. Amazon, Microsoft, Google e Oracle investiron alí arredor de 50.000 millóns de dólares. Esas corporacións xa non ven a Trump como garante da orde, senón como fonte do incendio que ameaza os seus activos baixo o paraugas da Pax Silica, a alianza internacional destinada a asegurar minerais críticos para os semicondutores de intelixencia artificial.

 A esa fraxilidade súmase un perigo que os grandes medios prefiren tratar en voz baixa: a posíbel destrución dos cables submarinos que transportan o 90 por cento do tráfico de datos entre Europa e Asia, e preto do 20 por cento do tráfico mundial de Internet.

 O malestar dos tecnofeudais combínase coa alarma das ditaduras aliadas de Washington —Arabia Saudita, Bahréin, Kuwait, Qatar e os Emiratos Árabes Unidos—, todas urxidas por deter os bombardeos e reabrir Ormuz. A semana pasada, os ministros de Asuntos Exteriores dos Estados árabes do Golfo Pérsico reclamaron a Washington e a Teherán un «cesamento inmediato» das hostilidades. Detrás dos repetidos anuncios de paz non hai unha estratexia recoñecíbel, senón un choque de presións: a improvisación do Pentágono, a resiliencia persa, a neutralidade europea, o maximalismo bélico de Israel e o medo dos investidores a perder negocios rexionais.

 Os escenarios posíbeis que se abren a partir das últimas declaracións de Trump son tres. Ningún permite exhibir a vitoria que pretende anunciar. O primeiro é un cesamento de hostilidades precario, semellante ao patrón observado desde finais de febreiro, coa continuidade da ofensiva do réxime de Netanyahu sobre o Líbano. Se esa variante prospera, Trump presentaraa como un triunfo para agochar a frustración estratéxica. O segundo escenario é unha nova escalada, con riscos crecentes para a infraestrutura enerxética, militar e dixital da rexión.

 O terceiro é un acordo de paz negociado, aínda que sustentado sobre garantías febles debido á desconfianza que sementou Washington. Esa desconfianza non xurdiu da nada: ten un antecedente directo no Plan de Acción Integral Conxunto de 2015, coñecido como 5+1, que Trump abandonou durante a súa primeira presidencia. Quen rompeu a ponte pretende agora cobrar peaxe por reconstruíla.

 A presión final para alcanzar algún tipo de entendemento —e se cadra a máis decisiva— provén da contorna familiar do magnate neoiorquino. Jared Kushner, xenro do presidente, recibiu un investimento de 2.000 millóns de dólares do fondo soberano de Arabia Saudita para a súa firma de capital privado, Affinity Partners. Trump Jr., pola súa parte, forma parte do consello de administración de Unusual Machines, unha empresa dedicada á fabricación e venda de drons que xa conta con pedidos de compra de distintos países árabes do Golfo.

 A paz trumpista, daquela, non aparece como o resultado dunha arquitectura diplomática consistente, senón como a consecuencia dunha derrota non recoñecida, de presións económicas cruzadas e de intereses familiares que fan urxente a fabricación dunha vitoria narrativa.

 

[Artigo tirado do sitio web cubano Cuba Debate, do 14 de xuño de 2026]