Mulleres en loita contra a precariedade

A Secretaría das Mulleres inicia unha campaña para esixir políticas efectivas para rematar coas discriminacións e as desigualdades
Nacional - 01 Xul 2019

A Secretaría das Mulleres da CIG ten en marcha unha campaña contra a precariedade e a explotación laboral que padecen milleiros de traballadoras en Galiza, desta volta pondo o foco en sectores especialmente feminizados e precarizados, como o dos coidados. Neste marco, a central está a realizar asembleas de delegadas e mobilizacións en todas as comarcas para denunciar as condicións laborais que sofren as traballadoras galegas e esixir políticas efectivas que rematen coas discriminacións e as desigualdades.

Deste xeito, dáse continuidade no tempo á campaña para esixir avances reais nos dereitos das mulleres impulsada pola central nacionalista, mais que non está vinculada a unha data concreta. A secretaria confederal das Mulleres, Margarida Corral, explica que se busca facer unha posta en común coa base afiliativa e as delegadas da CIG a respecto da situación que viven a cotío nas súas empresas, mais nesta ocasión “centrándonos nos traballos máis precarios do mercado laboral actual, que están relacionados coas tarefas de coidado, tanto no fogar como das persoas dependentes”. Unha situación de precariedade e explotación que xa foi obxecto de denuncia nas masivas mobilizacións do pasado 8 de Marzo.

Realidade laboral “insostíbel”

Corral pon en destaque a importancia de autoorganizarse, do intercambio impresións entre o corpo da central sindical e a denuncia da precariedade, ao tempo que se artellan dende a central sindical solucións e propostas para avanzar na igualdade real e lograr unhas condicións laborais dignas para o conxunto das traballadoras do noso país, que no 85% dos casos están empregadas no sector servizos.

De feito, o panfleto de apoio á campaña que se está a repartir nos centros de traballo pon en evidencian a realidade laboral que sofren as galegas: a taxa de temporalidade é 2,1 puntos superior á dos homes; o 77,3% dos empregos a xornada parcial son realizados por mulleres; a fenda salarial sitúase no 21,5% mentres que a fenda das pensións xa acadou o 36,6%; hai máis de 86.400 galegas que non teñen emprego, e destas o 36% levan máis de 2 anos en paro.

Para esixir medidas que revertan esta situación, a Secretaría das Mulleres insta a continuar na mobilización e até o momento xa se desenvolveron concentracións nas comarcas de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Ferrol. Ademais, as mobilizacións intensificaranse despois do verán e non se descarta a convocatoria dunha gran manifestación nacional para dar unha resposta dende o feminismo de clase “a unha situación que consideramos insostíbel”.

Coidados, un sector invisibilizado

Sobre o traballo relacionado cos coidados, Margarida Corral subliña que foi ignorado pola economía capitalista e polos poderes públicos, e que coa súa mercantilización se converteron en empregos de segunda, polo que se desenvolven en condicións de elevada precariedade laboral e nos que conviven desigualdades de xénero, clase, raza ou etnia.

Cada vez son máis as empresas que prestan este tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que, en lugar de ofreceren directamente estas prestacións, privatízanas mediante subcontratas. A temporalidade dos contratos, a duración destes, os baixos salarios que non se corresponden co grao de responsabilidade do traballo que se desenvolve, a ausencia de acción formativa específica para o desempeño do posto por parte das empresas, o incumprimento xeneralizado da Lei de Prevención de Riscos Laborais, as enfermidades profesionais non recoñecidas, o alto risco de acoso ao que se enfrontan as traballadoras, a realización de horas extras non remuneradas, xunto coa minusvalorización do traballo, configuran a radiografía do sector.

Extensión da precariedade a todos os traballos feminizados

Mais a precariedade laboral non só é específica do sector dos coidados, senón que afecta a todos os traballos feminizados, que xeralmente se encadran no sector servizos, e teñen relación co coidado ou a atención das persoas, coa limpeza, a telefonía, hostalaría, servizos sociosanitarios, comercio, lecer, ou actividades financeiras, xunto coa industria do téxtil, alimentación ou a conserva.

De aí que o lema escollido para esta campaña sexa: Xa é hora de avanzar nos nosos dereitos. Mulleres en loita contra a precariedade. “É urxente combater a fenda salarial e cuestionar  o valor que lle damos aos traballos que asociamos con mulleres. Non abonda con recoñecer que son tarefas importantes para o desenvolvemento da sociedade, falta trasladar ese valor en euros, e garantir que eses traballos se desenvolven coas máximas garantías para o persoal que os desenvolve. E ao tempo, redefinir os roles de xénero, afondar na corresponsabilidade dos coidados e garantir uns servizos de atención ás persoas públicos, universais e libres de explotación”, conclúe a secretaria das Mulleres da CIG.