Multitudinaria mobilización pola suba salarial a IPC en Iberdrola coincidindo coa xunta xeral de accionistas en Bilbo

A folga de 24 horas convocada pola CIG e ELA en Galiza, Euskal Herria e Nafarroa tivo un forte impacto na actividade da empresa
Nacional - 01 Xun 2026

O persoal galego e vasco de Iberdrola desenvolveu unha multitudinaria mobilización este sábado 30 de maio para reclamar unha actualización salarial a IPC coincidindo coa celebración da xunta xeral de accionistas da empresa enerxética en Bilbo. A protesta coincidiu coa xornada de folga de 24 horas convocada pola CIG en Galiza e pola central vasca ELA en Euskal Herria e Nafarroa, que rexistrou un importante seguimento e tivo un forte impacto na actividade da empresa.

Segundo sinalan dende a CIG, como consecuencia do paro houbo instalacións que tiveron dificultades para funcionar con normalidade, non podendo resolver avarías nin realizar as manobras e os descargos previstos. “Polo que ante unha folga indefinida ou de longa duración a produción e o subministro eléctrico veríanse claramente afectados e comprometidos, porque os servizos mínimos non son suficientes nin para afrontar a actividade normal nin para solucionar as avarías; polo que sería unha irresponsabilidade tanto por parte da empresa como das administracións forzar a situación, tendo en conta que se trata dunha empresa de servizo esencial como é a produción e distribución de enerxía eléctrica”.

Na central sindical lembran que a reclamación de aplicar unha suba de soldos digna está totalmente xustificada tras 11 anos cos salarios case conxelados. Mais a dirección insiste en ofrecer como moito un 1,5% -sempre e cando se cumpran os máximos beneficios económicos establecidos na súa proposta- mentres vén de repartir outros 400 millóns de euros en bonus entre a alta dirección e 4500 entre os accionistas.

Isto coincide ademais co “nulo avance” das negociacións do convenio colectivo durante os últimos 16 meses polo inmobilismo dunha compañía que bate récords de beneficios ano tras ano e pola “inacción” dos sindicatos estatais, que mesmo rexeitaron a convocatoria de folga. E iso a pesar de que Iberdrola obtivo un beneficio neto de 25.000 millóns dende a firma do último convenio, “e segundo as estimacións da propia empresa o récord de ganancias anual seguirase batendo no futuro”. Pola contra, o cadro de persoal perdeu nese mesmo período un 20% de poder adquisitivo, mais tamén os trienios e a segunda tarifa de persoa empregada para o persoal xubilado.

“Non estamos pedindo nada esaxerado, reclamamos recuperar o poder adquisitivo perdido e unha suba salarial ligada ao IPC real; e os datos económicos que a propia empresa facilita din que a suba salarial que solicitamos é perfectamente asumible e non pon en risco a viabilidade nin os resultados da compañía”, rematan.