“Mutua Universal, machismo patronal!”

A CIG-Industria de Ourense mobilízase contra a vulneración dos dereitos dunha traballadora en período de lactación
Ourense - 18 Xun 2020

Delegadas/os da federación de Industria da CIG de Ourense desenvolveron hoxe unha concentración diante de Mutua Universal, na rúa do Progreso, para denunciar a vulneración e o recorte dos dereitos da traballadoras en postos de risco durante o embarazo e o período de lactación.

Con esta mobilización, que tivo lugar a partir das 11:30 horas, queren denunciar que esta mutua denegoulle a suspensión do contrato a unha soldadora da empresa GRI Towers que se atopa en período de lactación, co conseguinte risco tanto para a súa saúde como para a da súa crianza.

Neste senso, no comunicado que se leu ao remate da protesta fíxose fincapé en que unha das medidas preventivas que debera adoptar calquera empresa é a de afastar as traballadoras xestantes e en período de lactación de calquera exposición a riscos.

No caso concreto das empregadas en período de lactación deberá evitarse a exposición ao fume das soldaduras e unha posíbel deshidratación provocada polo calor que afectaría non só á súa saúde, senón que incidiría na lactación, ao diminuír a cantidade de leite materna a causa da deshidratación provocada pola calor. “E non hai que esquecer que os metais pesados poden excretarse mediante o leite materno”.

Por iso censuran a denegación por parte de Mutua Universal, sen máis motivo que “non quedar acreditada a situación de risco”. Mais tamén a complicidade da empresa, mudándoa do seu posto de traballo como soldadora a un posto de limpadora, “pese a ter recoñecido o risco na lactación para aquelas traballadoras que realizan traballos de soldadura na avaliación de riscos”.

Protección real da maternidade

En consecuencia, consideran que se trata dunha vulneración de dereitos fundamentais contra os dereitos reprodutivos e a saúde das mulleres, “levada a cabo con impunidade por parte dunha organización antidemocrática que pon en risco a saúde das traballadoras e a das súas crianzas”.

O mesmo tempo, critican que con esta estratexia de demorar, atrasar ou mesmo denegar -como sucedeu neste caso- as suspensións de contrato “o que fan é aforrarse as prestacións ás que teñen dereito as traballadoras (en contra das recomendacións tanto o sistema público de saúde, como dos servizos de prevención) logradas froito dunha loita histórica do feminismo e do sindicalismo de clase”.

Finalmente, inciden que non van permitir denegacións baseadas en criterios económicos, nin que se deixen as traballadoras en situación de indefensión fronte ao criterio da mutua. “O sistema actual non garante o 'principio de precaución', e por tanto non asegura unha protección real da maternidade, baseada exclusivamente en criterios técnicos e médicos”.