Na defensa do emprego no sector das telecomunicacións en Galiza

Campaña conxunta das federacións de Banca, Industria e FGAMT

Nacional -

As federacións de Banca, Industria e FGAMT lanzan unha campaña en defensa do emprego e contra a precariedade no sector de Telecomunicacións e convocan unha mobilización nacional para o vindeiro día 27 de febreiro diante do Parlamento galego.

Denuncian a constante perda de emprego, as sucesivas deslocalizacións, a externalización de servizos, a subcontratación encadeada e a aparición de persoal falso autónomo, que están incidindo de xeito tremendamente negativo nas condicións laborais.

Ademais, os procesos de traslados de servizos das compañías que realizan funcións de operación ou mantemento de instalacións, de enxeñaría ou de atención telefónica fóra de Galiza, están provocando unha alarmante perda de emprego. De feito, Telefónica pasou de ter un cadro de persoal de 1.142 persoas en Galiza, en 2014, a pouco máis da metade na actualidade. No caso de Vodafone a redución chegou desde ese mesmo ano ao 60% e a mesma sorte corre R desde a súa compra por Euskaltel, en 2015.

O mesmo ocorre nos Centros de Chamadas onde todas as empresas están inmersas en procesos de regulación de emprego, deslocalizando os servizos cara a outros países con man de obra máis barata para incrementar os seus beneficios a custo de explotar o persoal e en detrimento da calidade do servizo.

Volver