Na memoria de Thomas Sankara

Alberto Fernández Campo -

O día 15 deste mes no que andamos cumpriuse o 30 cabodano do asasinato de Thomas Sankara quen, dende a presidencia dun pequeno e paupérrimo país como era o daquela chamado Alto Volta, espertou a esperanza e a ilusión dos condenados da terra en África e en todo o mundo. Lamentablemente o seu exemplo non é grato ao supremacismo eurocentrista, polo que trata de ocultar todo o que se refire á súa figura e pensamento.

 En poucas liñas é imposible resumir os inxentes logros dun Goberno que apenas durou catro anos. Limitarémonos a enunciar algunhas das súas realizacións para que a curiosidade do lector/a faga o resto:

 Feminización do país e empeño na liberación da muller incorporándoa ao goberno, ao exército, á produción, á ensinanza... prohibindo e perseguindo as vodas concertadas, a ablación do clítoris e toda práctica discriminatoria (“O peso das tradicións seculares da nosa sociedade postergou as mulleres ao rango de animais de carga: as mulleres sofren dúas veces as consecuencias da sociedade neocolonial, soportan os mesmos sufrimentos que os homes e ademais están sometidas por estes a máis sufrimentos”).

 Nacionalizacións e reparto da terra entre o campesiñado; busca da autosuficiencia alimentaria; non pagamento da débeda; educación universal; impulso de programas sanitarios e vacinación masiva de nenos e nenas; transformación do exército mediante a súa integración na sociedade; creación de organismos de participación popular. No terreo ecolóxico, planificou a escavación de pozos en todas as aldeas e a plantación de 10 millóns de árbores para frear a desertización, así como o control das talas dos bosques. Non podía faltar a loita contra a corrupción e a obriga da exposición pública de salarios e bens de gobernantes e cargos públicos.

 Sóanvos a “vellas” estas políticas?

 Por cambiar ata trocou o nome colonial do Alto Volta polo de Burkina Faso (País das xentes íntegras).

 Thomas Sankara era un mozo capitán comunista que acadou a presidencia no ano 1983, contando cun masivo apoio popular e do exército. Catro anos despois era derrocado mediante un sanguento golpe de estado. El e doce camaradas foron asasinados. Miles de burkinenses/as sufriron a mesma sorte.

 Tiña Burkina Faso grandes materias primas que espoliar? Non. Pero era un pequeno país con grandes ideas que exportar. E iso non o podía permitir o neocolonialimo.

 As propiedades de Thomas Sankara eran escasas: libros, dúas ou tres bicicletas e guitarras, máis unha casiña hipotecada. Pero a súa herdanza é inmensa. Seica as brisas do Sahel berran o seu nome e espallan as súas ideas, que están a prender con forza na mocidade africana.

 Espero que se alguén le estas liñas afonde no pensamento e nos feitos de Sankara e, coma os ventos de África, axude a rescatar a súa figura do esquecemento. Polo ben de todos e todas.

 E tamén que algún Concello galego acorde dar o seu nome a unha gran praza ou avenida. Como homenaxe aos condenados/as da terra.

 

 [Vigo, 24 de outubro de 2017]

___________________________________________________________________________________________ 

Alberto Fernández Campo foi secretario comarcal da CIG-Construción de Vigo.

Volver