Nace a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública para loitar contra a súa privatización

O colectivo convoca mobilizacións en todos os campus universitarios o 11 de febreiro

Nacional -

Esta martes presentábase oficialmente a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública. Unha iniciativa que nace após a decisión da Xunta de Galiza de darlle o visto bo á intención da corporación Abanca de crear a primeira universidade privada de Galiza. A falta de que o Parlamento galego aprobe a Lei que permita a creación desta nova universidade, todo indica que o Goberno de Feixoo deixará ben atada esta cuestión antes de que remate a lexislatura.  Por iso, no acto de presentación, xa se anunciaron concentracións en todos os campus universitarios para o próximo 11 de febreiro.

Con intención de que se adhira toda a cidadanía e de estender o malestar ante esta privatización a outros colectivos sociais e políticos, tal e como comentou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino e portavoz da nova plataforma, acaba de constituírse un blog no que se rexistrarán as adhesións particulares e colectivas e no que está colgado o manifesto fundacional. Así mesmo, irase nutrindo de toda a información que se xere coa actividade da plataforma nos próximos meses.

Mercantilizar un ben universal como a educación

No manifesto destácase que a decisión da Xunta supón mercantilizar un ben universal como é a educación e unha manifestación contra a igualdade de oportunidades porque “aceptar esta universidade privada é aceptar a venda de títulos superiores atendendo á capacidade económica e non aos méritos e capacidades de cada quen”, como apuntou Bermello.

 Na presentación estiveron presentes representantes dos tres sindicatos CIG, CCOO e UGT, así como das organizacións estudantís Erguer e ANEGA, aínda que tamén forman parte Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes. “Despois de regalarlle as caixas de aforros ao banco venezolano Banesco, agora continúase co proceso de espolio dos nosos servizos públicos coa autorización por parte da Xunta da creación da Universidade Intercontinental da Empresa mentres se lle nega ás tres universidades públicas a implantación de novos títulos de grao e posgrao”, indicou Bermello.

Até o momento non transcendeu nada sobre a proposta concreta de Abanca, aínda que a lei di que unha nova universidade debe ofertar cando menos 8 titulacións entre grao e posgrao. “O que si sabemos –explicou- é que pretenden concentrar a súa oferta educativa arredor de dous eidos:  o xurídico-social e a enxeñaría-arquitectura, competindo claramente coa oferta das universidades públicas que nestes campos teñen unha ampla variedade de titulacións distribuídas por todo o territorio”.

Mobilizacións en todos os campus

A Plataforma anunciou xa as primeiras mobilizacións previstas para o mes de febreiro. En concreto o día 11 de febreiro terán lugar concentracións simultáneas en todos os campus galegos para amosar o rexeitamento a esta nova privatización do ensino e denunciar que este proxecto non garante os niveis de calidade nin de capacitación e formación do profesorado nin dos contidos impartidos.

 “Está claro que a nova universidade si ten interese de lucro, como non podía ser doutro xeito partindo dunha entidade bancaria, e non responde aos intereses galegos, como o demostra a ausencia total do idioma galego no seu proxecto, así que estamos ante un atentado máis contra os servizos públicos, as clases populares e a cultura propia do País”, concluíu Bermello.

Volver