Naturgy segue a deslocalizar servizos e avanza na eliminación da atención telefónica en galego

A Coruña - 28 Mar 2023

Naturgy segue a baleirar a atención telefónica dende Galiza. A CIG está denunciando a deslocalización progresiva do servizo de atención telefónica a outros países dende o ano 2012. Un goteo continuo que comezou co peche dos servizos da comercializadora de mercado libre (2012), posteriormente a atención de mercado regulado (2019) e agora, o último servizo de atención de Unión Fenosa Distribución, que se viña realizando dende hai máis de 25 anos na Coruña, está sendo deslocalizado a Colombia. Só un 25% das chamadas son atendidas dende Galiza e a intención é que só queden 15 persoas atendendo o servizo, até que, finalmente, Colombia asuma toda a atención.

A CIG-Banca da Coruña lembra que no mes de setembro, tras a mobilización dos traballadores e traballadoras da contrata que leva o servizo, Teleperformance, logrouse o compromiso de Naturgy de manter a atención telefónica en galego 24h os 365 días do ano. "Finalmente, explica o secretario comarcal, Sergio Touceda, esta contrata, coa ameaza do troco de horario ao persoal de noites a quenda partida ou imposibilitando a conciliación familiar, conseguiu eliminar a atención en galego de 24 a 8 horas e só queda unha persoa dando atención de 22 a 24 horas en galego".

Desaparece tamén o servizo das 22 ás 24horas

A previsión é que nas vindeiras semanas esta persoa sexa forzada a abandonar este horario mediante unha modificación substancial das condicións de traballo, segundo argumenta Teleperformance, por orde de Naturgy, "co que finalmente volveremos ao punto de partida das mobilizacións de setembro, cando a intención de Naturgy era dar atención en galego só de 8h a 22h".

A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións a falta de compromiso de Naturgy coa sociedade galega. "A explotación dos nosos recursos e pago das súas facturas debe ter unha contrapartida no nosos territorio e, unha delas, é manter a atención aos galegos e galegas dende a nosa terra", subliña Toucedo.

Servizo básico e esencial

Neste senso, engade que este é un servizo básico e esencial para a cidadanía, para notificar cortes, avarías, subas de tensión, urxencias dos corpos de seguridade por incidencias coa liña eléctrica, altas e baixas do servizo de electricidade ou reclamacións, que ao longo destes anos se prestou, tanto en galego como en castelán, na delegación de Teleperformance A Coruña, dando cobertura a toda a clientela da Distribuidora (UFD) do Grupo Naturgy de todo o Estado.

Naturgy xa tentara trasladar o servizo de atención de Unión Fenosa Distribución a Catalunya pero esta medida foi descartada pola dificultade de entender a xeografía propia da nosa terra.

Falta unha lexislación que garanta a atención en galego

Por outra banda, a falta dunha lexislación específica en materia de atención á clientela que garanta os dereitos lingüísticos dos galegos e das galegas, permite a estas multinacionais a deslocalización dos servizos. "Unha medida que se podería levar adiante por parte da Xunta de Galiza, do mesmo xeito que noutros territorios do Estado con linguas cooficiais que si teñen unha normativa específica en materia de dereitos lingüísticos da clientela, garantiría tanto o mantemento dos postos de traballo como a creación de novos postos por parte doutras multinacionais que comercializan os seus produtos en Galiza", apunta a CIG-Banca.

A CIG iniciou os contactos institucionais necesarios para que se garanta o compromiso adquirido por Naturgy coa Consellería de Emprego para o mantemento do emprego e a atención en galego 24h/365días. O pasado 16 de marzo o BNG presentou tres mocións no Parlamento Galego con esta finalidade "e agardamos que nos vindeiros días, estas accións, reverta as accións feitas por Teleperformance A Coruña e se volva a garantir a calidade da atención dos galegos e as galegas".