Navantia fracasa de novo no seu intento de criminalizar a folga de auxiliares do 2017

O TSXG desestimou o recurso presentado pola empresa contra a sentenza do xulgado de Ferrol que fallaba contra as súas pretensións

Ferrol -

Navantia vén de recibir un novo revés no seu intento de criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras da industria auxiliar da ría de Ferrol, e deslexitimar o labor sindical da CIG á fronte desta mobilización. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza desestimou o recurso presentado pola empresa contra a sentenza do Xulgado do Social nº2 de Ferrol, que fallaba contra a demanda interposta por Navantia contra a CIG e o comité de folga, na que procuraba que se declarara ilegal o paro indefinido convocado en outubro de 2017 na industria auxiliar.

O TSXG ratifica a sentenza do xulgado de Ferrol en todos os seus extremos, redundando con absoluta claridade en que Navantia non ten lexitimidade para solicitar a declaración de ilegalidade dunha folga convocada para a industria auxiliar, malia as públicas e reiteradas acusacións da empresa contra a CIG, de que convocara unha folga encuberta e abusiva contra a propia Navantia. Destácase tamén que as alteracións na produción a causa da convocatoria non supoñen a ilegalidade da folga, como tampouco "as dificultades e os impedimentos sen violencia" por parte dos piquetes. 

Deste xeito, o TSXG desmonta todos os argumentos de Navantia que, a pesar da contundente sentenza do Social, insistiu en recorrer a resolución que agora o alto tribunal galego vén de desestimar. Contra esta sentenza cabe interpor recurso de casación perante o Tribunal Supremo, mais dende a CIG-Industria de Ferrol agardan que Navantia "non persista na súa teima e abandone xa esta particular persecución contra da CIG e os seus intentos de criminalizar o dereito á folga, ferramenta fundamental que temos a clase obreira para defender e avanzar nas nosas condicións de vida". Neste senso, critican o uso retorcido que a empresa naval pública pretendeu facer da xustiza para restrinxir o dereito dos traballadores e traballadoras a reivindicar melloras salariais e laborais.

O obxectivo de Navantia era amedrentar e desactivar ao persoal en folga

Para a central sindical ambas sentenzas poñen en evidencia que o verdadeiro obxectivo de Navantia non era conseguir a declaración de folga ilegal ou abusiva, senón amedrentar, desactivar e coaccionar aos traballadores e traballadoras que de xeito masivo e exemplar estaban a secundar a folga en defensa dos seus dereitos.

Na mesma liña actuaron Galictio e Indasa, que presentaron denuncia perante a garda civil contra Mon Fernández Alfonzo pola súa participación nos piquetes nas portas de Navantia Fene, asunto que aínda se verá o vindeiro 3 de xullo no Xulgado de Instrución nº2 de Ferrol.

Volver