Navantia terá que facilitar información detallada sobre os salarios da alta dirección

Denegara estes datos á CIG, que cualifica a resolución de éxito histórico para a transparencia na empresa
Ferrol - 02 Xun 2022

Recentemente, a raíz da denuncia presentada nos xulgados pola CIG, Navantia tivo que asumir o dereito dunha parte do cadro de persoal a cobrar o plus de distancia, tal e como recolle o actual convenio colectivo. Agora a empresa pública naval terá que cumprir coa legalidade vixente e facilitar información sobre os soldos da alta dirección, tras perder unha demanda ante o Consello de transparencia e do bo goberno, organismo estatal independente encargado de promover a transparencia na actividade pública.

O ano pasado, a sección sindical da CIG solicitou internamente de Navantia información sobre salarios completos e desglosados da totalidade dos/as membros da alta dirección, bandas A e B. Navantia denegou esa información en contra dos sólidos argumentos formulados pola CIG e, para máis descrédito, fíxoo a través do “Buzón de transparencia”.

Ante esta actitude de bloqueo, a representación da CIG xa advertiu que acudiría ante o referido organismo estatal "para obter fóra da empresa o que se nos negaba dentro e así o fixemos".

Como resultado deste proceso, Navantia vén de recibir a orde do Consello de transparencia e do bo goberno de facilitarlle á CIG a información solicitada; unha resolución que a sección sindical cualifica de “éxito histórico para a transparencia en Navantia”. Neste senso, subliñan que os argumentos xurídicos esgrimidos polo organismo estatal son contundentes polo que lle demandan á dirección de Navantia "que non caia na tentación de acudir a un Contencioso-Administrativo".

Esta decisión, apuntan, "só suporía un maior gasto do erario público nunha lóxica egoísta e escurantista, pois sería coa intención de favoreceren os seus propios intereses e de trataren de impedir que as e os contribuíntes poidan verificar a correcta e eficiente utilización do noso diñeiro".

A sección sindical da CIG aclara que quere coñecer a masa salarial destinada á alta dirección e como se fai o reparto dese diñeiro público. E xa advirte "que teremos moi en conta esa información á hora da negociación do próximo convenio colectivo".