Nin o Goberno español nin a Xunta están á altura das circunstancias na defensa do emprego en Alcoa e na creación dunha tarifa industrial

A CIG solicita por escrito a constitución dunha mesa de traballo en Galiza coas partes implicadas
Nacional - 21 Nov 2018

Para a Confederación Intersindical Galega as xestións realizadas até agora polo Goberno español e o galego demostran a incapacidade de ambas as Administracións para dar unha reposta que permita paralizar o ERE de Alcoa e encetar, dunha vez, a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel, que recoñeza o estatus das empresa electrointensivas e que evite situacións semellantes no futuro.

A CIG entende que dende a Xunta non se está a cumprir co declaración institucional aprobada no Parlamento galego, pola cal se insta á Consellaría de Industria a artellar unha fronte común política e sindical na defensa do emprego en Alcoa e dun sector estratéxico para o noso país, como é do aluminio.

É preciso constituír unha mesa de traballo con todas as partes para que o Goberno galego leve a Madrid unha postura galega, igual que dende Asturias levan unha proposta asturiana, e non un posicionamento que responda unicamente á visión do PP"

Dende que se aprobou a declaración o pasado mes, e a pesar dos chamamentos realizados dende a CIG, a Consellaría non formulou a posta en marcha dunha mesa de traballo na que abordar propostas e alternativas, nomeadamente no que ten a ver coa creación dun marco enerxético estábel, especialmente relevante no caso de Galiza, gran produtora e exportadora de electricidade. "Sería un delito que no noso país pecharan empresas a causa dos custes enerxéticos", valora o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Porén, asistimos con sorpresa e preocupación ao feito de que a Xunta tivera unha reunión sobre esta cuestión con varias empresas electrointensivas, sen convocar os comités nin as centrais sindicais.

Para Paulo Carril esta forma de actuar demostra que a Xunta de Galiza "só busca trasladar na opinión pública a imaxe de que está a facer algo ante o anuncio de peche de Alcoa, mais sen preocuparse por tomar medidas en unidade de acción con traballadores/as e empresas, dada a enorme transcendencia económica e social que tería para Galiza poder contarmos cun novo marco regulador da enerxía". Este comportamento contrasta co proceder do Goberno de Asturias, onde si hai creada unha mesa de traballo con todas as partes implicadas.

Así, a CIG vén de solicitar por escrito ao presidente da Xunta, ao conselleiro de Industria e aos grupos parlamentares a posta en práctica da declaración institucional e que se constitúa unha mesa de traballo en Galiza (integrada por sindicatos, comités, empresas electrointensivas e institucións) "para que o Goberno galego leve a Madrid unha postura galega, igual que dende Asturias levan unha proposta asturiana, e non un posicionamento que responda unicamente á visión do PP".

Goberno e Xunta non apostan por unha tarifa industrial estábel

A este respecto, lembra que a CIG leva anos demandando a creación dunha tarifa estábel que favoreza o normal desenvolvemento e a planificación das industrias con grandes consumos de enerxía asentadas no noso país. De feito, hai un mes, a central nacionalista remitiu ao Goberno español, á Xunta, aos grupos parlamentares galegos e á patronal do sector unha proposta para a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas baixo o cumprimento dunha serie de requisitos (como o mantemento do emprego) e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía.

Porén, e a pesar da situación urxente na que se atopan os traballadores e traballadoras de Alcoa, até o momento nin a Xunta nin o Executivo español responderon á iniciativa da CIG nin teñen posto en marcha medidas para unha tarifa industrial estábel.

Nesta liña, o secretario xeral tamén lle afea ao departamento dirixido por Reyes Maroto que teña excluído de xeito sistemático á CIG en todas as reunións mantidas até o momento para falar do ERE de Alcoa, a pesar de que a CIG é a primeira central sindical en Galiza, maioritaria na industria electrointensiva en Galiza e que o propio secretario de Estado comunicou por correo electrónico o pasado 23 de outubro, que a central sindical sería incorporada a estas reunións. Neste liña lamenta que nin sequera se estea a contar na mesa tripartita coa representación legal das fábricas.

Urxe a paralización o ERE

Malia as limitacións, a lexislación laboral actual permitiría adoptar medidas para paralizar o ERE. Pero fai falta vontade política para isto"

Doutra banda, resulta grave que o Goberno español continúe escudándose nas limitacións da reforma laboral do PP para non avanzar medidas que obriguen a empresa a retirar o ERE de extinción, cando a derrogación da reforma laboral era un dos "compromisos estrela" do PSOE na oposición. "Se a reforma laboral estivera derrogada, hoxe os traballadores/as de Alcoa non estarían a expensas do que quere a multinacional".

Aínda así, Carril apunta que, malia as limitacións legais, a lexislación laboral actual permitiría adoptar medidas para paralizar o expediente de extinción de emprego. "O único que fai falta é vontade política", asevera.

Finalmente, Carril lembra que Alcoa estivo no seu día, como INESPAL, no sector público e que “se Alcoa persiste na súa idea de pechar, sería na SEPI o lugar axeitado onde esta empresa tería que reincorporarse”.