• Nova

"Nin o sindicato vertical faría o que está a facer CCOO en Thenaisie: pedir que se rexeiten as ofertas que máis emprego contemplan"

A CIG emprenderá as accións necesarias para que o concurso se resolva cunha saída viábel para o maior número de traballadoras/es
O Grove/Mos - 23 Xul 2021

A FGAMT-CIG denuncia a situación "triste e lamentábel" á que se está abocando o futuro de Thenaisie Provote, pois existindo tres ofertas de compra pola fábrica do Grove e a nave loxística de Mos, todo parece indicar que os administradores concursais elaborarán un informe negativo rexeitando, ou non tendo en conta, as propostas que contemplan máis emprego (en concreto a de Canet Ferrero Inversiones e a de Rías Baixas).

Esta negativa respondería a unha alegación presentada polo sindicato CCOO solicitando que non se teán en conta esas dúas ofertas, "en base a tecnicismos ou porque non se reuniu ao comité". A responsábel da FGAMT-CIG no Salnés, Rosa Abuín, criticou con dureza esta actuación que pon en serio risco a posibilidade de que o proceso concursal se resolva cunha saída de futuro para os empregos e para a continuidade industrial da conserveira.

"Levamos dende o primeiro momento pelexando para que apareceran compradores e cando conseguimos que se presenten ofertas, CCOO  sae cun escrito pedindo que non se teán en consideración as mellores propostas", aseverou Abuín, quen cualificou de "antisindical" esta actuación e xa adiantou que a CIG levará adiante todas as accións que sexan necesarias para impedir este atropelo. De feito, estase a valorar coa asesoría xurídica a posibilidade de recusar a administración concursal e parece que as compañías afectadas tamén iniciarán medidas similares.

O único interese da CIG: defender os postos de traballo

Antes os últimos acontecementos, Abuín afirmou con rotundidade que "nin o sindicato vertical faría o que está a facer CCOO en Thenaisie". "Pode existir división sindical, haber diferencias de criterios, pero non se pode aceptar que un sindicato faga unha alegación no xulgado para que non se teán en conta as ofertas que tanto nos custou conseguir", salientou. No caso concreto de Canet, apuntou que o grupo valenciano, logo de varias reunións coa representación social, accedera a mellorar a oferta económica para manter a práctica totalidade dos actuais postos de traballo.

"Os intereses de CCOO descoñecémolos, pero parece claro que non é a defensa dos postos de traballo", recalcou. Neste senso, matiza Abuín que o escrito remitido por Comisións serviu de base para as alegacións presentadas por outro dos grupos interesados, Tomás Guillén, que propón unha oferta na que só mantén catro empregos no Grove fronte aos 71 de Canet e os 77 que contempla Rías Baixas. Aínda que esta última opción parecía que nun principio tamén era do agrado de CCOO, "nin sequera tiveron a ben facer a valoración para defendela no xulgado".

A respecto de facer esta comparecencia pública diante da fábrica, a representante da CIG explicou que "queremos que se saiba o que está a pasar, porque o pobo do Grove volcouse para manter os postos de traballo e débeselle unha explicación coherente. Aquí non se está valorando se é mellor unha oferta ou outra, senón que hai un sindicato que pide que non se teán en conta esas ofertas. E isto é algo moi grave".

No relativo ás alegacións presentadas por Guillén, Rosa Abuín adiantou que a CIG tamén emprenderá accións porque "a empresa está ninguneando as delegadas de Mos, ten unha actitude claramente machista e que incluso roza a chantaxe". De igual xeito, a central nacionalista está preparando mobilizacións diante da administración concursal, á que tentará recusar, e vai denunciar estes feitos en vía xudicial.

Acoso á presidenta do comité da fábrica do Grove

Aproveitando a comparecencia, denunciouse tamén publicamente o acoso e a persecución á que está sometida a presidenta do comité da fábrica do Grove, Rosa Domínguez, por parte das delegadas e o delegado de Comisións Obreiras.

A propia Domínguez aseveraba que "non me van afectar nin os insultos nin o acoso, seguirei dando a batalla.  Pero si teño que denunciar que temos un inimigo dentro da casa, CCOO, algo que é lamentábel e triste. A xente non entende que habendo tres ofertas, un sindicato poida pedir que non se teñan en conta as ofertas que máis emprego garanten".

A presidenta do comité do Grove reafirmou o compromiso da CIG na defensa dos empregos e da continuidade industrial da conserveira "e faremos todo o que estea na nosa man para que este conflito teña unha saída viábel para o maior número de traballadoras/es". Domínguez non dubidou en acusar a CCOO de boicotear coas súas actuacións unha solución de viabilidade no marco do proceso concursal: "se estamos aínda nesta situación é porque CCOO quere.  Agora non está Scandia Food, nin Garrigues, agora están eles da man dos administradores concursais e se pecha Thenaisie será pola súa culpa".