Nin vitorioso nin derrotado

Fermín Paz Lamigueiro - 06 Mai 2020

En todos os sentidos, vivimos na era do monopolio da riqueza, unha segunda “época dourada” do capitalismo na que o brillo na superficie enmascara moitos dos problemas sociais e a corrupción de fondo. A pandemia é un accidente grave no seu quefacer

 Nunca me vexo vitorioso nin derrotado. A vida na terra non deixa de ser un pequeno experimento no laboratorio do Universo.

 Hai un momento nesta vida cativa que chegas a entender a relación entre o nacer e o morrer. Nese grandioso momento, a eternidade paréceche un concepto delirante, inimaxinable e inabordable, por iso concentras a túa enerxía no máis livián, o existir. Nel, parece que o máis interesante e intelixente, agora, é a loita e a solidariedade. 

 Causalidades na crise do Covid-19-

 Hai unha pregunta esencial en que convén pensar antes doutras consideracións: cal é a orixe do virus que provoca o Covid-19? 

 É comprensíbel que o medo e a incerteza sumados á inxente cantidade de noticias de todo tipo que circulan acerca do virus propicien un caldo de cultivo idóneo para a creación de suposicións, conxecturas e teorías conspirativas.

 Menos comprensíbel é que esta atmosfera contaminada sexa xerada polos primeiros mandatarios dalgúns países con insinuacións ou acusacións sen ningunha xustificación. O camiño do desconfinamento non vai axudar a vencer o virus, obedece máis a intereses inconfesables das súas estratexias comunicativas, ben para taparen as debilidades da xestión ou ben para desviaren a atención das respectivas opinións públicas na dirección de posibles inimigos. Coñecemos as consecuencia que teñen estes enfrontamentos, tanto no campo da economía como no das relacións internacionais. A crítica insolvente e inxustificada e a retirada de financiamento aos organismos internacionais encargados da vixilancia e control da pandemia é unha estratexia fallida inclusive desde a posible pretensión de intentar controlar estes organismos para impoñerlles políticas ou orientacións determinadas. Outra cousa é a xestión das alertas tanto polas autoridades chinesas como dos diferentes países do Mundo.

 Non teño coñecementos nin ningunha experiencia neste asunto, mais si teño intuición para informarme o mellor posible. A maioría da comunidade científica nacional, a OMS e especialistas en saúde pública, a través dun comunicado na revista The Lancet, afirman que a orixe deste virus só ten explicación desde a selección natural, despois de estudaren a súa xenética e chegaren á conclusión de que é un artefacto tan perfecto que está moi lonxe da creación artificial. 

 Hai só un ano, Tedros Adhanom Ghebreyesus (director xeral da Organización Mundial da Saúde) advertía da ameaza dunha pandemia de gripe. O risco de que un novo virus da gripe se propague dos animais aos seres humanos é constante e real. O importante non é saber se haberá unha nova pandemia, senón cando ocorrerá.

 O impacto da pandemia global sobre a economía pode ter un efecto negativo á súa vez sobre o próximo brote, se non tomamos nota do que está pasando. Nalgunhas das grandes cidades dos países menos desenvolvidos conviven millóns de persoas sen vacinar, sen acceso a unha sanidade adecuada ou a auga potable. Este tipo de ambiente é o perfecto para a aparición de enfermidades que poden chegar ao resto do mundo.Prepararse fronte a unha pandemia que non sabemos cando vai ocorrer é difícil, aínda que a preparación como concepto estea perfectamente establecida. 

 A desigualdade económica consiste nun reparto desequilibrado de riqueza e das rendas económicas entre os membros ou grupos dunha comunidade. A  pobreza é outro factor que favorece a expansión de moitas enfermidades infecciosas.

  O modelo económico e os principios que rexen o seu funcionamento leváronnos a esta situación extrema, insustentable e inxusta. Un mundo en que o 1% da humanidade controla tanta riqueza como o 99% máis pobre, nunca será estable. E, neste sentido, non esquezamos que actualmente oito familias posúen a mesma riqueza que 3.600 millóns de persoas (a metade da humanidade).

  Moi atrás queda a teoría de que a riqueza creada se transmite espontaneamente cara a abaixo (a chamada “economía de goteo”). Na actualidade, todo apunta en sentido contrario: a riqueza vólcase cara á capa máis alta da estrutura da sociedade e faino a un ritmo alarmante, como se demostra nas dez maiores empresas do mundo, cuxa facturación foi superior aos ingresos públicos de máis de 180 países xuntos.

 As grandes empresas son un elemento vital da economía de mercado. Quen defende, aínda hoxe, que poden ser un factor esencial para construír sociedades prósperas e xustas trata de ocultar intencionadamente as súas operativas cada vez máis ao servizo do sistema, aínda que constate cada día como traballadores e cidadáns participan moito menos dos beneficios do crecemento económico xerado. Mesmo así, admiran e desexan ser como eles. 

 Hai demasiado papanatismo na sociedade. Engels xa denunciou no seu tempo a vampirización do sangue da clase traballadora e a filantropía do autobombo. Primeiro chupan o sangue e logo preséntanse como benfeitores cando fan doazón ás vítimas dunha parte do que realmente lles pertence. Vítimas e filántropos de ocasión manifestan a contradición da lei dos contrarios.

 O seu modelo de maximización de beneficios conduce a unha devaluación salarial sobre as rendas do traballador, unha presión sobre os pequenos produtores e a sofisticados esquemas corporativos para tributar menos do que lles corresponde, eludindo o pagamento duns impostos que beneficiarían o conxunto da poboación, especialmente os sectores máis pobres. A precarización do mercado do traballo é un feito incuestionable e o desemprego é un instrumento para retroalimentar toda a cadea de explotación moderna da forza do traballo.

 Nese modelo, outra variable é o consentimento para tributar nos paraísos fiscais dos falsos patriotas ben tirando proveito de tipos impositivos tendentes a cero ou logrando que os países compitan agresivamente entre si para ofrecer privilexios fiscais. A comunidade internacional cala e moitos dos actores políticos consisten este facer e mesmo miran para outro lado diante das leccións de moralidade de quen fai tal cousa ou mesmo fomentando a súa valorización social.

 As grandes empresas seguen implacables co factor traballo, reducen ao mínimo posible os custos da man de obra, promoven unha produtividade fundamentada case en exclusiva na redución ao mínimo dos custos da man de obra en todo o mundo e impiden que os traballadores e produtores das súas cadeas de subministración se beneficien do crecemento económico, o cal incrementa a desigualdade e afoga a demanda. 

 Estas accións da lóxica da acumulación coloca nunha situación moi desigual as pemes, que non poden competir nas mesmas condicións fronte a estes grupos empresariais, co poder que exercen e a súa alianza política de conveniencia mutua con actores estreitamente ligados aos gobernos.

 Os grandes perdedores somos os cidadáns que rematamos pagando máis polos bens e servizos.

 En todos os sentidos, vivimos na era do monopolio da riqueza, unha segunda “época dourada” do capitalismo na que o brillo na superficie enmascara moitos dos problemas sociais e a corrupción de fondo. A pandemia é un accidente grave no seu quefacer. Nun entorno como este, os ricos terían que facer verdadeiros esforzos para non seguir acumulando máis riqueza.

 As enormes fortunas que se sitúan no extremo superior da escala de acumulación de ingresos constitúen unha proba clara da actual crise sistémica. Son un atranco fundamental na loita para acabar coa pobreza e a desigualdade, alén de contribuír enormemente a desacreditar os argumentos en favor da necesidade de tomar medidas contra o cambio climático e unha economía sustentable ou de decrecemento. Non son só receptores da crecente concentración da riqueza, senón que contribúen activamente a perpetuala.

 É moi evidente, polo tanto, a relación existente entre a acción humana que provoca a pobreza e os seus resultados. E non o é menos que a pobreza é un factor que favorece a expansión de moitas enfermidades infecciosas como a que está azoutando a humanidade. 

 Preguntábame un amigo: despois da pospandemia cara á onde vai evolucionar o sistema capitalista? Devolvinlle outra pregunta: queres que che diga o que penso sobre a "nova normalidade"? Falemos claro! Como en épocas anteriores, haberá quen pense e defenda a transformación do sistema e consecuentemente construirá o seu discurso sobre a base de gobernos que aposten por unha visión de futuro situando a cidadanía no eixe das súas políticas: que as grandes empresas antepoñan os intereses dos seus traballadores aos dos accionistas e conxuntamente á produción e o relanzamento da economía dentro dos límites do planeta, ao respecto dos dereitos das mulleres e a un sistema fiscal xusto e progresivo.

 Supoño que tamén falarán da conxunción do avance das tecnoloxías das comunicacións, xunto ao grande avance de Internet e das enerxías renovables, é dicir, da Terceira Revolución Industrial. Finalmente, penso que engadirán no seu programa de palabrería que é posible avanzar cara a unha economía máis humana e imaxino que solicitarán a unidade como remedio para alcanzar estes obxectivos. Este será o discurso do espazo socialdemócrata que terá algunhas matizacións nos seus colaboradores da esquerda política, mais ambos manterán até onde poidan o estado de alarma. A realidade é que o dito instrumento xurídico crea un ambiente de medo, nega calquera debate, propagandiza e xustifica as accións de goberno e camiña cara a unha recentralización tan desexada namentres falan de cogoberno como coartada.

 Non nos deixemos enganar: ninguén nos vai regalar nada. Fóra das intervencións iniciais dos Estados e dos Bancos Centrais -precisos para salvar o sistema protexendo sectores enteiros da economía e evitar vendas masivas nas prazas financeiras forzadas polos investidores en busca de marxes proveitosas e inmediatas- é posible cegarse coas cortinas de fume que aparecerán nos debates curtopracistas sobre a dicotomía "público-privado". Mais o capitalismo cos seus defensores e os máis favorecidos na estrutura social de clases á fronte non van soterrar e os seus referentes ideolóxicos e o neoliberalismo volverá ás andadas da acumulación a calquera prezo.

  Os conservadores, agrupados en calquera da súas siglas, darán algún paso atrás táctico pero máis cedo que tarde volverán polos seus foros a defender o seu principios. É posible que despois do xaque ao libremercado volvan pedir a refundación do capitalismo ao tempo que poden abrir unha paréntese reformista para rexeneraren a confianza perdida. 

 Para rematar, algunha idea acerca dos traballadores e as organizacións sindicais. O sindicalismo vai ter que enfrontar no seu conxunto una tarefa ardua e non exenta de contradicións. Pode optar por tratar o asunto como unha reconversión, aínda que está sexa xigante, e negociar una nova industrialización -coa conseguinte perda de empregos- e novas condicións sociolaborais con todas as parafernalias de formación e negociación sectorial, iso si, confrontando a coartada que impoñerá Europa cos fondos de axuda e as súas condicións. Os que levan tempo na poltrona da maioría sindical terán a derradeira oportunidade para resituarse no verdadeiro sindicalismo de masas que a situación precisa. Inclusive nas empresas con ERTE, e toda a problemática xerada na actividade perdida ou metida na neveira tratarán de abordarse cun novo “diálogo social” para buscar un acordo e xa temos experiencia dabondo do seu significado real.

 O máis combativo deberá de propoñer construír unitariamente un primeiro dique de contención loitando e negociando cos gobernos para amortecer a meteórica e profunda contracción da actividade, con históricas destrucións de emprego e a necesidade de acometer nacionalizacións para salvar determinadas empresas e os balances de conxunto do tecido industrial. Paralelamente un segundo dique para as rendas salariais no período de inactividade e rescatar a todos os traballadores que foron considerados como esenciais nesta crise cun programa de emprego fixo e salarios xustos.

 Ou poden esperar a que escampe e quedaren ao descuberto, se algúns xa non o están, ante a clase traballadora, aventurándose -agora si- a que a dinámica de indignación en ascenso sexa quen de promover novas formulas de organización e acción, tanto no campo político como sindical. 

 O mellor que podemos facer nestes momentos é prepararnos, avaliar as condicións e condicionantes políticos e sindicais para unha estratexia de confrontación. As frontes de loita serán numerosas tanto na perspectiva galega, estatal e internacional. A globalización vai ter resposta política e nalgúns sectores industriais para repatriar e relocalizar algúns deles. Non teño dubidas de que haberá novos rachóns e alianzas nos espazos políticos e sindicais.

 Vulnerant omnes, ultima necat (Todas as horas deixan feridas, a derradeira mata)-

 

[Galiza, 5 de maio de 2020]