No ano de maior devastación polos incendios, Medio Ambiente deixa o control da caza baixo mínimos

A Consellería non activa as gardas de reforzo e deixa reducida ao 25 % a operatividade do cadro de axentes ambientais
Nacional - 20 Out 2025

A tempada de caza comezou este domingo 19 de outubro nun contexto especialmente delicado para o medio natural galego, despois dun verán no que arderon milleiros de hectáreas. Porén, advirte a CIG-Administración Autonómica, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non activou as gardas de reforzo do persoal axente ambiental, deixando o servizo baixo mínimos históricos polo que só o 25 % do cadro de persoal estará operativo, fronte ao 50 % habitual nestas datas.

Esta decisión, alertan, resulta especialmente grave no ano en que a fauna galega está máis afectada ca nunca polos incendios forestais. “Os grandes lumes deixaron amplas zonas sen fauna e a supervivente non ten alimento nin acubillo. A súa repoboación dependerá da migración dende espazos verdes limítrofes, pero a Dirección Xeral de Patrimonio natural non decretou a exclusión nin sequera nos concellos afectados. E, aínda que a lei de caza galega prohibe expresamente o exercicio da caza en terreos queimados - con multas entre 600 e 30.000 euros- apenas hai axentes para exercer esta vixilancia”.

Un servizo esencial sen reforzos

Neste contexto o persoal axente ambiental considera máis importante ca nunca a vixilancia da actividade cinexética e do furtivismo, tanto para preservar a fauna como para garantir a seguridade das persoas cazadoras e das veciñas e veciños que usan e habitan o rural.

A Consellería, lonxe de reforzar o servizo, mantén sen cubrir as prazas vacantes e continúa amortizando postos, o que provoca que apenas dúas persoas por distrito ambiental teñan que cubrir todo o territorio galego. Isto ocorre nun país onde máis do 80 % da superficie do territorio é terreo cazábel e existen arredor de 35.000 licenzas de caza activas.

Para a xornada de onte, domingo, había 42 axentes ambientais operativos/as, “o que supón menos do 25 % do cadro de persoal”.

Sen protocolos de seguridade nin medios de apoio

A situación da falta de persoal agrávase pola falta de medidas de seguridade laboral. “Desde o asasinato de dous axentes ambientais en Lleida no ano 2017, e a pesar da Lei básica de axentes forestais, na Galiza seguimos sen protocolos básicos de actuación fronte a situacións de risco”, denuncia a CIG-Autonómica.

Neste senso, critican que a Consellería se negue a poñer en marcha unha centraliña de avisos que xestione incidencias ou chamadas de auxilio —como ten a Consellería do Medio Rural—, nin organice os servizos para garantir que os compañeiros e compañeiras non traballen en soidade e teñan apoios. “Tampouco se cobren baixas nin vacacións, nin se activan gardas que permitirían alcanzar o 50 % do cadro de persoal operativo. As ameazas e agresións ao persoal axente ambiental continúan sendo unha realidade, mentres a Administración mira cara outro lado”. 

Dende a CIG-Autonómica instan de novo á Consellería de Medio Ambiente a activar as gardas e atender as demandas do persoal e garantir un servizo público de calidade, que protexa a biodiversidade galega e o exercicio correcto da actividade cinexética. “Non se pode falar de defensa do medio ambiente mentres se desmantela o seu primeiro muro de protección: o colectivo de axentes ambientais”.