No pasamento do compañeiro Anxo Freixido, do Pastor
Dende a Confederación Intersindical Galega, nomeadamente dende a Federación de Banca e a Unión Comarcal de Compostela, queremos trasladarlle á familia do compañeiro Anxo Freixido Seoane as condolencias polo seu pasamento.
O 29 de xullo falecía o noso compañeiro “Freixido do Pastor”, un bo e xeneroso, un cadro histórico do sindicalismo no sector da banca, que foi delegado da CIG no comité de empresa do Banco Pastor na Coruña. Comité no que a CIG tivo durante décadas o apoio maioritario dos traballadores e traballadoras, encadeando maiorías absolutas consecutivas froito dun labor sindical no que Freixido foi unha peza fundamental, mais do que tamén hai que destacar a súa humanidade.
O seu compromiso fixo que ao longo da súa traxectoria sindical asumira distintas responsabilidades tanto na Federación da Banca, na que foi membro do Secretariado Nacional e ocupou o cargo de secretario comarcal durante moitos anos, como na propia Unión Comarcal de Compostela, entregando parte da súa vida ao proxecto CIG.
Freixido do Pastor era un cadro militante pola liberdade de Galiza e na defensa da clase traballadora. A súa relación laboral extinguiuse nun dos últimos ERE's do Banco Pastor-Popular, pero mantivo o seu compromiso até o final, participando solidariamente nas mobilizacións convocadas en defensa dos traballadores e traballadoras (a última delas durante este mesmo mes, no conflito polo ERE do Banco Santander), por Galiza, pola nosa cultura, ou a nosa lingua.
A marcha de Freixido deixa en todas as persoas que tivemos a fortuna de coñecelo unha pegada imborrábel, pero sobre todo un exemplo, polo seu compromiso e pola súa sensibilidade, humanidade e empatía cos problemas dos seus compañeiros e compañeiras.
No vindeiro mes de setembro o sindicato ten previsto realizar un acto na súa memoria.
Que a terra che sexa leve compañeiro!!!