No setenta aniversario da Declaración Universal de Dereitos Humanos (DUDH)

Alejandro Teitelbaum -

Na DUDH non figuran os dereitos colectivos, entre eles o dereito á libre determinación dos pobos nin a que estes dispoñan libremente das súas riquezas e recursos naturais, que recentemente foron consagrados como normas explicitamente vinculantes nos Pactos Internacionais de Dereitos Civís e Políticos e de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais

  1. A Declaración Universal de Dereitos Humanos (DUDH) foi aprobada pola Asemblea Xeral da ONU hai 70 anos, en decembro de 1948.

 Obtivo 48 votos a favor, ningún voto en contra e 8 abstencións (URSS, Bielorrusia, Ucraína, Checoslovaquia, Polonia, Iugoslavia, Sudáfrica e Arabia Saudita). Dous Estados (Honduras e Iemen) non participaron na votación. Os países socialistas abstivéronse considerando que a persoa é un ser social e, polo tanto, os dereitos que hai que garantir son ante todo os dereitos colectivos. Ademais, os países socialistas daban unha enorme importancia ao principio da soberanía estatal, prioritaria sobre os dereitos humanos. Os dereitos humanos considerábanos un asunto esencialmente da xurisdición interna dos Estados, e, en consecuencia, a comunidade internacional non podía intervir e criticar a súa conculcación nun determinado país. Pola contra, a postura dos países occidentais, en especial Francia, Estados Unidos e Gran Bretaña, distinguíase por unha decidida defensa dos dereitos individuais de carácter civil e político, as liberdades clásicas das democracias occidentais.

 Arabia Saudita abstívose polo seu desacordo en particular con dous artigos: o 16 (matrimonio sen discriminación e con consentimento dos cónxuxes) e o 18 (dereito a cambiar de relixión) e Sudáfrica coherente co sistema de apartheid vixente no devandito país e polo seu radical desacordo coa inclusión dos dereitos económicos, sociais e culturais.

 A maioría dos países do Terceiro Mundo seguían aínda colonizados, polo que nin formaban parte das Nacións Unidas nin participaron nos debates, coa salvidade dos latinoamericanos, que ademais realizaron algunhas achegas significativas.

 O certo é que a DUDH foi un compromiso positivo onde en forma de declaración (aínda que posteriormente se sostivo o carácter vinculante do seu contido) figuran todos os dereitos humanos da persoa, tanto civís e políticos como económicos, sociais e culturais así como os recursos para os facer valer.

  1. Mais na DUDH non figuran os dereitos colectivos, entre eles o dereito á libre determinación dos pobos nin a que estes dispoñan libremente das súas riquezas e recursos naturais, que recentemente foron consagrados como normas explicitamente vinculantes nos Pactos Internacionais de Dereitos Civís e Políticos e de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais baixo o impulso dos novos estados xurdidos do proceso de descolonización.

III. No ano do setenta aniversario da proclamación da DUDH, salvo curtos períodos, o balance non pode ser máis negativo pois a tendencia xeral foi a violación sistemática e case permanente de todos e cada un dos dereitos consagrados na Declaración: guerras de agresión, matanzas, torturas, discriminacións raciais, sexuais, sociais, relixiosas e culturais, terrorismo, redución acelerada e violación a escala mundial dos dereitos políticos, económicos, sociais, ambientais e culturais.

 É inútil pretender atribuír a algúns estados e institucións en particular a responsabilidade de tales violacións pois as devanditas violacións foron -e son- universais, calquera sexa a orientación política, social, cultural ou relixiosa dos sistemas implicados.

 De xeito que o multiculturalismo e os enfrontamentos entre culturas non son suficientes para explicar este balance negativo da DUDH, porque as violacións de todos os dereitos humanos se cometeron e se seguen a cometer tanto en nome de culturas e relixións que negan explicitamente moitos dos dereitos consagrados na DUDH como en nome de ideoloxías e culturas que -con total hipocrisía- invocan tales dereitos.

  1. Os dereitos humanos non só son interdependentes senón indivisíbeis porque, como ben se dixo, «os dereitos humanos non son máis divisíbeis que o ser humano mesmo».

 Así o entendeu a Asemblea Xeral da ONU, cando se pensaba elaborar un só Pacto Internacional que abranguese os dereitos civís e políticos e os dereitos económicos, sociais e culturais. A Asemblea Xeral adoptou no seu quinto período de sesións en 1950 unha resolución onde se dicía: «o goce das liberdades civís e políticas, así como o dos dereitos económicos, sociais e culturais son interdependentes» porque «no caso de que o ser humano estea privado dos dereitos económicos, sociais e culturais non representa a persoa humana que a Declaración Universal considera como o ideal do home libre». Pero na práctica privilexiáronse (verbalmente) os dereitos civís e políticos e relegáronse -cando non ignoraron- os dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais.

 Malia que a relación entre as diferentes categorías de dereitos humanos non se esgota nas nocións de interdependencia e indivisibilidade, pois inclúe tamén o que se deu en chamar a “permeabilidade”, é dicir, a posibilidade de invocar a violación de dereitos civís como consecuencia da violación de certos dereitos económicos e sociais.

  1. Aínda que se chamaron “intervencións humanitarias” as guerras coloniais das potencias europeas no século XIX en África, as intervencións directas das grandes potencias -por razóns xeopolíticas ou xeoeconómicas- en terceiros países con diferentes sistemas políticos herdaron esa denominación -ou a de “inxerencia humanitaria”- nos séculos XX e o actual. E cando o argumento da “intervención humanitaria” directa é dificilmente dixeríbel pola opinión pública ou pode ter un custo político demasiado alto, as intervencións promóvense e lévanse a cabo por intermediarios internos mediante golpes de Estado, asasinatos de líderes populares ou “revolucións” de distintas cores.

 A lista é interminábel e pódense citar a xeito de exemplos:

- En 1953, golpe de Estado en Irán contra o goberno do Dr. Mossadegh, que nacionalizara o petróleo, contrariando así os intereses da Anglo-Iranian Oil Company. Despois do golpe, un consorcio de oito compañías (estadounidenses, inglesas e holandesas) retomou o control do petróleo.

- En 1954 unha acción militar obrigou a renunciar o presidente constitucional de Guatemala, Jacobo Arbenz, que durante o seu goberno realizara importantes reformas económicas e sociais en beneficio dos sectores máis desfavorecidos da poboación, entre elas a reforma agraria. A United Fruit Company (que despois pasou a chamarse Chiquita Brands), con enormes intereses en América Central, desempeñou un papel de primeiro plano no derrocamento de Arbenz.

- A primeiros de 1963 foi elixido Juan Bosch presidente da República Dominicana nas primeiras eleccións libres despois da ditadura de Trujillo. O goberno de Bosch iniciou inmediatamente reformas sociais e políticas a favor dos sectores da poboación máis desprotexidos: traballadores, campesiños, mulleres, etc. En setembro do mesmo ano foi derrocado por unha rebelión militar. En abril de 1965 outra rebelión cívico-militar encabezada polo coronel Caamaño intentou restablecer no seu cargo a Bosch. Pero Estados Unidos puxo fin á insurrección enviando a territorio dominicano 42.000 “marines”.

- En 1973 foi derrocado o goberno constitucional de Chile resultando morto o Presidente, Salvador Allende. A intervención da empresa transnacional International Telephone and Telegraph (ITT) na promoción e financiamento do golpe de Estado quedou amplamente demostrada, como así tamén a intervención directa do Goberno dos Estados Unidos e da súa Axencia Central de Intelixencia (CIA).

- Os anos de goberno da Fronte Sandinista de Liberación Nacional en Nicaragua (1979-1990), foron un intento de aplicar un modelo propio de desenvolvemento humano, con certo número de realizacións no seu activo (reforma agraria, educación, alimentación, etc.), pero a guerra económica, militar e paramilitar que librou Estados Unidos contra os sandinistas, que deu lugar mesmo a unha sentenza condenatoria da Corte Internacional de Xustiza (Asunto das actividades militares e paramilitares en Nicaragua e en contra desta. Nicaragua c. Estados Unidos de América) modificou radicalmente o curso dos acontecementos.

- Cando Aristide asumiu o Goberno en Haití en febreiro de 1991, propuxo aumentar o salario mínimo de 1,76 a 2,94 dólares por día. A Axencia para o Investimento e o Desenvolvemento dos Estados Unidos (USAID) criticou esta iniciativa, dicindo que significaría unha grave distorsión do custo da man de obra. As sociedades estadounidenses de ensamblado radicadas en Haití (é dicir, a case totalidade das sociedades estranxeiras) concordaron coa análise da USAID e, coa axuda da Axencia Central de Intelixencia, prepararon e financiaron o golpe de Estado de setembro de 1991 contra Aristide. Como a reacción internacional (o embargo) e o caos interno paralizaron os labores das empresas estadounidenses en Haití, as tropas estadounidenses restableceron a Aristide no goberno en outubro de 1994 e aseguraron ao mesmo tempo a impunidade e un confortábel retiro aos xefes militares golpistas. En 2004 repetiuse o libreto de 1991, cun Aristide politicamente desprestixiado, sitiado economicamente por Estados Unidos e asfixiado polo Fondo Monetario Internacional. Esta vez a expulsión de Aristide foi argallada por Estados Unidos con Francia como segundo violín e lexitimada ex post facto polo Consello de Seguridade, que é unha especie de ditadura mundial das grandes potencias. Grandes potencias ás que os medios de comunicación chaman “a comunidade internacional”.

- En África no momento da descolonización xurdiron líderes como Patrice Lumumba na República Democrática do Congo e Amílcar Cabral en Guiné Bissau e máis tarde Tomas Sankara en Burkina Faso, que loitaron por unha vía independente para os seus pobos, contraria aos intereses das ex metrópoles e das súas grandes empresas. Os tres foron asasinados, e substituídos por dirixentes ditatoriais, corruptos e fieis ás grandes potencias neocoloniais. Francia e algúns outros países europeos contribuíron co seu “savoir faire” na materia para a eliminación deses dirixentes populares.

 Outros exemplos máis recentes son, entre outros, os das intervencións militares en Iraq, Libia e Siria, as guerras interétnicas en África sobre fondo de disputas polo control de recursos naturais estratéxicos, o que deu lugar á dislocación de Estados e ás conseguintes catástrofes humanitarias, entre elas a dos miles de desprazados que -intentando poñerse a salvo- morren afogados no Mediterráneo ante a indiferenza, cando non a reacción xenófoba dos países europeos.

  1. O valor xurídico da DUDH no Dereito Internacional dos Dereitos Humanos é indiscutíbel. Por unha banda, como instrumento universal vinculante e, pola outra, como núcleo central non só da chamada Carta Internacional dos Dereitos Humanos, que inclúe o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e o de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, e todos os demais Pactos e Convencións Internacionais de Dereitos Humanos.

 Mais é imprescindíbel establecer a diferenza entre o seu valor xurídico e o seu valor na práctica que, como se viu, é virtualmente nulo, dado que os seus enunciados son violados sistematicamente.

 A explicación desta contradición abisal entre a DUDH e outras normas xurídicas internacionais e os feitos hai que buscala no que se algúns chaman erradamente o « neoliberalismo», que non é outra cousa que un sistema, o capitalista, coas súas especificidades actuais, baseado na lóxica do beneficio dunha ínfima minoría dona dos instrumentos e medios de produción e de comunicación materiais e inmateriais en detrimento de todos os dereitos das grandes maiorías, incluídos o de se informar obxectivamente, de exercer as liberdades democráticas e de tomar realmente parte nas decisións políticas primordiais en todas as ordes: institucionais, económicas, sociais, culturais, ambientais, etc.

 Pois cada vez aparece máis claro que nas condicións do sistema vixente, non quedou espazo ningún para a participación popular nas decisións, pois as institucións estatais e interestatais son agora totalmente funcionais á reprodución e preservación do sistema e quitaron toda substancia á chamada democracia representativa ou delegativa.

 Dito doutro xeito, para pór fin á fenda entre a DUDH e a realidade dos feitos hai que facer saltar o ferrollo que implica o sistema capitalista vixente.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 12 de decembro de 2018]

Volver