Noa Madera Creativa desvía carga de traballo e pide ao persoal que faga horas extras mentres executa despedimentos

A FCM-CIG alerta que é unha estratexia de Malasa para empeorar as condicións laborais
Ferrol - 14 Feb 2019

A Federación de Construción e Madeira da CIG denuncia a situación que se está a dar na empresa Noa Madera Creativa, que segue pedíndolle aos traballadores e traballadoras que realicen horas extraordinarias mentres desvía carga de traballo para as instalacións que  Malasa (grupo que adquiriu Noa) ten en Cerceda e se desfixo de máis de 40 empregados/as dende finais de 2018. Para a central sindical este proceder enmárcase na estratexia de Malasa de precarización das condicións laborais.

A FCM-CIG lembra que a finais do pasado ano, a dirección da empresa Noa  (situada no polígono de Vilar do Colo)  comunicou ao comité a intención de aplicar un ERE extintivo que suporía o despedimento dun cento de traballadores e traballadoras. As razóns  que alegaban "eran que as previsións de futuro non eran moi boas e que a a carga de traballo ía diminuír sensibelmente".

Mais cómpre salientar que esta empresa viña de  bater o ano anterior o seu récord de beneficios e que ese mesmo verán foi adquirida polo grupo Malasa, "caracterizado pola precariedade na que se atopa  a maior parte do seu persoal e que sospeitamos quere implantar o seu modelo de relacións laborais en Noa", advirte a FCM.

A rápida reacción da persoal, con constantes asembleas, mocións nos concellos da comarca e entrevistas con diferentes representantes políticos, entre outras accións, xunto coa febleza dos argumentos esgrimidos desde a dirección Noa,  posibilitou finalmente deter o ERE.

Dun ERE insostíbel a despedimentos individuais

Porén, a CIG ten constancia de que en Noa Creativa se lles segue a pedir os traballadores e traballadoras que realicen horas extras, mentres se desvía  carga de traballo para as instalacións que Malasa ten en Cerceda e, ademais,  que desde finais de 2018 máis de 40 empregados e empregadas foron despedidas ou non se lles renovou o contrato eventual que tiñan asinado coa empresa. 

Por iso, a central sindical entende que se está a producir un cambio de estratexia, e que "dun  expediente de regulación de emprego imposíbel de xustificar semella que pasaron a levar adiante  despedimentos individuais -de xeito máis ou menos escalonado-, co fin de obter o mesmo resultado sen ter que pasar polo proceso dun ERE, é dicir, están a facer un ERE encuberto", subliñan.

A CIG denunciar esta práctica, reitera o apoio a todo o cadro de persoal de Noa e o "firme compromiso na defensa do mantemento dos postos de traballo e para conservar e mellorar as condicións laborais dos traballadores/as".

Neste senso, a FCM-CIG de Ferrol advirte que "estaremos vixilantes e faremos todo o posíbel para evitar os despedimentos e a precarización das condicións de traballo en Noa".