“Non á discriminación laboral no Concello de Xinzo!”

Delegados/as da CIG-Administración e traballadores/as municipais mobilizáronse diante do consistorio

Xinzo -

Delegados/as da CIG-Administración e traballadores/as municipais mobilizáronse hoxe para rexeitar a “discriminación laboral” no Concello de Xinzo de Limia e denunciar a "vulneración" do dereito de negociación colectiva por parte do Goberno local.

Dende a central sindical explican que o sistema de negociación do Concello, que consiste en chegar a acordos con determinados grupos profesionais, non só viola o dereito á negociación colectiva senón que produce discriminación entre os traballadores/as, “xa que que á minoría lle son outorgados novos dereitos mentres lles son conxelados á maioría”.

A pesar de que intentaron chegar a un entendemento coa actual alcaldesa, non lograron que a rexedora atendese ningunha das súas propostas. “Máis ben ao contrario, decidiu levar ao pleno os orzamentos de 2021 sen aprobación sindical, incluíndo acordos con certos grupos do persoal, malia os reparos da Secretaría Municipal”. As protestas terán continuidade nos vindeiros días “no caso de que o grupo de Goberno non cambie de actitude”.

Volver