Non á represión sindical en Coren!

A CIG inicia unha campaña en resposta ao despedimento dun candidato da central e o acoso ás persoas que integran a lista

Nacional -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou o inicio dunha campaña contra a represión sindical no grupo ourensán Coren tras o despido dun candidato da central ás eleccións sindicais e o acoso ás persoas que integran a lista. Entre as accións previstas, ademais do recurso xudicial contra a rescisión do contrato, inclúense a convocatoria de mobilizacións e o reparto de folletos informativos explicando o que está a acontecer na compañía de alimentación.

<O estás con la empresa o estás contra la empresa>. Así argumentou a dirección de Coren o despido do traballador, unha vez que este se negou a darse de baixa da candidatura da CIG. A carta na que se lle anunciaba a decisión chegoulle dous días despois dunha xuntanza de tres horas co departamento de recursos humanos. Porque Coren está a chamar unha por unha e de xeito individual ao arredor de medio cento de persoas que figuran na lista da central para mediante ameazas e coaccións intentar que opten por non presentarse.

“Imos facer valer o dereito de liberdade sindical, porque os traballadores/as de Coren teñen dereito a optar pola expresión sindical que consideren sen que a empresa intente impedilo mediante extorsións, ameazas, despidos ou mentiras”, adiantou Carril. Polo que, ademais da denuncia presentada no Xulgado por vulneración do dereito de liberdade sindical reclamando a nulidade do despido, o 1 de xullo -coincidindo coa constitución da mesa electoral- levará a cabo un reparto simultáneo de folletos en centros de traballo e tendas da compañía do sector cárnico, ademais de en instalacións dalgúns dos seus clientes.

A CIG fará unha concentración o 9 de xullo diante da tenda de Coren da rúa Eulogio Gómez en Ourense

Tamén desenvolverá unha concentración diante do establecemento de Coren na rúa Eulogio Gómez Franqueira o vindeiro 9 de xullo, dous días antes do acto de conciliación polo despido, previsto no SMAC para o día 11. “Xa estamos fartos/as da impunidade coa que actúa Coren e da falsa imaxe pública que se obsesiona por cultivar de que son un modelo de creación de emprego e de desenvolvemento, cando son un exemplo de precariedade, explotación, clientelismo, caciquismo e represión sindical”, sinalou o máximo responsábel da CIG.

Carril lembrou que foi a central en solitario a que decidiu enfrontar unha realidade existente na industria cárnica como son as novas formas de explotación e escravización do século XXI, “propias das reformas laborais e das políticas neoliberais que era toda a trama que representaba a lacra dos falsos/as autónomos/as e das falsas cooperativas”.

Como consecuencia, a día de hoxe produciuse un avance significativo nas condicións laborais a raíz do desmantelamento desta trama existente nun sector no que Coren é unha das empresas máis representativas. “Para conseguilo presentamos numerosas denuncias e levamos a cabo distintas mobilizacións”.

Agora a empresa pretende deixar sen efecto o resultado desta loita. “Quere volver atrás para anular as conquistas logradas no que ten que ver coa dignificación das condicións de traballo; de aí que a CIG sexa nestes momentos obxectivo dos ataques da empresa”. Trátase de impedir que a central poida finalmente presentar candidatura “porque saben que somos garantía de que non haxa marcha atrás nesta mellora imparábel das condicións laborais”.

O traballador despedido explicou que os problemas con Coren comezaron cando grazas ás denuncias da CIG a empresa tivo que dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social os falsos/as autónomos/as dependentes da falsa cooperativa Servicarne. “Cando pasamos a formar parte do grupo entendemos que era o momento de comezar a traballar para ter unha representación sindical digna co fin de lograr melloras laborais”.

Representación sindical digna

Entón a dirección comezou a chamar os candidatos/as para manter xuntanzas co departamento de recursos humanos, nas que queda moi claro dende o primeiro momento que o seu obxectivo era evitar que a CIG se presentase ás eleccións sindicais.

“Baixo ningún concepto querían que a CIG tivese candidatura, polo que comezaron coas ameazas verbais dicíndonos que era mellor que nos presentaramos pola lista da empresa; ante a miña negativa chegan a ofrecerme mellorar as miñas condicións laborais, pero como me sigo a opoñer optan por despedirme dous días despois da reunión”.

Volver