“Non aos despidos en Megatech! Abuso patronal, resposta sindical!”

Traballadores/as da empresa de automoción ourensá mobilizáronse hoxe para reclamar a readmisión de dous compañeiros
Ourense - 23 Feb 2023

Ao berro de “Non aos despidos en Megatech. Abuso patronal, resposta sindical” un grupo de traballadores/es da compañía de automoción con sede en Ourense mobilizouse hoxe diante das instalacións da compañía, no parque empresarial de Pereiro de Aguiar, para reclamar a readmisión de dous compañeiros.

O comité de empresa de Megatech Industries convocou a protesta, que se desenvolveu de de 13:00 a 15:00 horas, para rexeitar o despedimento represivo de dous operarios que participaron activamente na folga e nas mobilizacións convocadas en outubro para reclamar melloras salariais e un aumento da contratación indefinida.

“A dirección xustifica os despidos pola escaseza de carga de traballo, pero o certo é que seguen a contratar o mesmo persoal de ETT mentres se desfán de dous compañeiros fixos, con 20 e 14 anos de antigüidade en Megatech”, denuncian dende a representación sindical.

Ao mesmo tempo, valoran moi positivamente a resposta solidaria do cadro de persoal para esixir a readmisión dos compañeiros afectados por uns despedimentos “inxustos” e inciden en que “se permitimos o uso das rescisións de contrato como unha ferramenta represiva estaremos poñendo en perigo o posto de traballo de todo o persoal de Megatech; xa que hoxe son eles, pero mañá podemos ser calquera de nós”.

Finalmente, instan a empresa a abrir de inmediato unha negociación cos traballadores afectados, “porque ten que ter moi claro que non imos permitir nin un despedimento inxusto”.