"Non é transición é demolición". As Pontes reclama políticas de reindustrialización e emprego

- 23 Xan 2024

Ducias de persoas participaron esta tarde na concentración convocada pola CIG nas Pontes para reclamar políticas de industrialización e emprego para a localidade fronte á demolición que está supondo o proceso de transición, pois a día de hoxe non hai proxectos materializados nin alternativas concretas á destrución produtiva e de postos de traballo.

A mobilización realizouse dous meses despois da exitosa xornada de folga e da masiva manifestación, tamén convocada en solitario pola CIG, para demandar medidas e actuacións de futuro para a vila fronte á propaganda e os anuncios de novos proxectos que non se dan materializado.

Naquel 23 de novembro, a central nacionalista chamaba a seguir na loita ante a falta de solucións concretas e inmediatas.  Un chamado que segue plenamente vixente ante o novo ERE formulado por Einsa Print para despedir a 121 traballadores e traballadoras; a falta de garantías para o persoal das auxiliares de Endesa, sumido na incerteza constante e sen un compromiso de continuidade no emprego; o concurso de acredores en Tansportes Gabeiras, con posíbel perda de emprego; ou a destrución  real de postos de traballo e de peches no comercio e na hostalería.

Neste crítico contexto, denunciou o responsábel da CIG das Pontes, Óscar García, as administracións estatal, autonómica e local "viven absolutamente submisas aos intereses da propia  Endesa, amosando un total desprezo ás demandas do pobo".

Criticou que a día de hoxe, a Xunta de Galiza , con competencias plenas en materia industrial, aínda non foi quen de convocar a Mesa de Impulso Económico das Pontes, que ten como principal cometido a concreción de proxectos, prazos, garantías e emprego.

Malia as censuras e a propaganda exercida polo Goberno galego, "o certo é que As Pontes non dispón dun plan de choque que a curto prazo dea unha alternativa económica e laboral a todos os colectivos afectados, como se fixo con anterioridade ao peche da mina". Este plan, subliñou, ten que ser unha prioridade e só poderá ir adiante se conta con financiamento da administración estatal e autonómica.

García insistiu na necesidade dun plan industrial propio para As Pontes "que garanta o futuro económico, a creación de emprego e o asentamento de empresas na localidade", para o que cómpre dotar de inmediato a localidade de chan industrial e da axilización dos procedementos para a implantación destes posíbeis novos proxectos.

Ante esta realidade, "a CIG e o pobo das Pontes xunto con todos aqueles axentes que queiran sumarse, imos a seguir utilizando todas as ferramentas o noso alcance para mudar a situación". García rematou a súa intervención recalcando o compromiso da CIG para conseguir unha transición realmente xusta "porque de xustiza son as reivindicacións que nos moveron o pasado  día 23 e que seguen mais vivas que nunca".