“Non é un despido, é unha cacería”
A CIG-Banca continuou hoxe coas mobilizacións contra o despedimento dunha traballadora da sucursal de Abanca en Salvaterra do Miño que exercía tamén como delegada da central sindical no comité de empresa da provincia de Pontevedra. Nesta ocasión desenvolveu unha concentración diante da oficina central da entidade bancaria en Vigo para denunciar que a rescisión de contrato “inxusta e inxustificada” foi unha represalia pola actividade sindical da afectada.
A protesta tivo lugar de 11:30 a 12:30 horas no exterior das instalacións centrais do banco ao berro de “Non é un despido, é unha cacería”, “Montse readmisión, Abanca represión” e “Represión sindical, terrorismo patronal” para rexeitar un proceso contra a empregada “propio dos tempos da Inquisición” xa que a compañeira “non puido coñecer nin os feitos concretos que se lle imputaron, colocándoa nunha clara situación de indefensión”, tal e como sinalan dende a central sindical.
Por iso sosteñen que se trata dunha “clara represión sindical” contra unha representante das persoas traballadoras que participou e animou o cadro de persoal a secundar a folga e as mobilizacións convocadas pola CIG en 2024, que ademais a partir dese momento presentou até catro conflitos colectivos contra a empresa. “Os tribunais fallaron ao noso favor cando denunciamos unha cláusula abusiva nos contratos de traballo de cambio de horario, ao igual que cando denunciamos que Abanca incumpría o preaviso de cinco días previsto na lexislación para modificar horarios semanais”.
Ademais, a central sindical denunciou que o persoal necesitaba a autorización da empresa para rexistrar as horas reais que facía, “mais neste caso non houbo sentenza porque o banco modificou o sistema para evitar unha nova derrota”. E presentou unha demanda de tutela da liberdade sindical na Audiencia Nacional, na que estaban implicadas as mesmas persoas do banco que instruíron o expediente “a medida” co que pretenderon xustificar o despido da empregada.
De xeito que consideran que estas accións sindicais en defensa dos dereitos do persoal están detrás da dunha decisión “represiva” coa que pretenden “amedrentarnos”. Mais queren deixar moi claro que “non o van conseguir”, ao tempo que adiantan que seguirán a defender a afectada nas rúas e no proceso legal, “na seguridade da súa completa inocencia dos feitos que se lle imputan”.