"Non estamos ante un proceso de transición xusta, estamos ante unha reconversión ao uso"

Persoal da central das Pontes corta o tráfico na AG-64 para esixir garantías de emprego e alternativas

As Pontes -

Traballadores e traballadoras da central térmica das Pontes continúan este mércores coas mobilizacións para esixir unha transición xusta, garantías de emprego e futuro industrial para a comarca. Neste ocasión o persoal de Endesa e das súas auxiliares marchou dende o complexo enerxético até a autovía AG-64, que une Ferrol-Vilalba, onde está realizando un corte de tráfico ao seu paso polas Pontes.

Con esta acción, explica Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, quérese demandar garantías de emprego máis alá de finais de ano, pois xa hai ameazas de despedimento nas auxiliares e Endesa xa iniciou os traslados de persoal, principalmente fóra de Galiza. De igual xeito, reclámase das administracións que concreten as reunións das distintas mesas e abandonen a postura de pasividade e inacción mantida até agora.

De feito, a pesar de Endesa confirmar a súa intención de pechar as instalacións das Pontes, aínda foi onte cando as organizacións sindicais recibiron confirmación da xuntanza coa Consellaría de Industria, que terá lugar o vindeiro mércores 23 de decembro.

Neste senso, engade Amado, tamén o colectivo de traballadores/as pide que se acelere ao máximo posíbel os informes das probas cos biocombustíbeis e se defina se esta é unha alternativa viábel ou non para a continuidade produtiva da central. "Está morrendo todo e non hai enriba da mesa ningún proxecto industrial. Esta non vai ser unha transición xusta, será un proceso de reconversión ao uso: primeiro destruír e logo xa se verá se se pode construír algo", advirte.

O representante da CIG denuncia que nin os traballadores/as nin o conxunto da bisbarra poden ser as vítimas deste proceso mentres Endesa-Enel continúa facendo caixa co negocio de produción de enerxía sen que se lle esixa ningún tipo de responsabilidade nin pola destrución de emprego nin polo dano ambiental e social causado.

Por iso, Amado urxe os Gobernos español e galego a actuar politicamente para garantir unha alternativa industrial que permita manter os postos de traballo e non condene a toda a comarca a miseria e á emigración e isto pasa por concretar proxectos de futuro e buscar o financiamento.

Volver