Non hai represión que pare a loita obreira!

A CIG inicia unha campaña para denunciar os intentos de criminalización xudicial

Nacional -

A mobilización e a folga son as principais ferramentas da clase traballadora galega para defendermos os nosos dereitos, os nosos salarios e as nosas condicións laborais e de vida, fronte aos constantes intentos das patronais, do poder económico e do poder político que está a el sometido, de arrebatárnolos.

Grazas a décadas de loita conseguimos avances irrenunciábeis. Porén, o capitalismo neoliberal, coa súa voracidade insaciábel, aproveitou a crise para impor unhas reformas laborais e da negociación colectiva que só trouxeron máis paro, menos salarios e a desregulación das relacións laborais, provocando o empobrecemento da clase traballadora e obrigando a nosa mocidade a emigrar en busca dunhas condicións laborais e de vida dignas. 

Denunciamos o intento de someternos utilizando o sistema xudicial contra quen cometeu o único delito de defender os seus dereitos

Isto obríganos a loitar contra despedimentos e peches de empresa, descolgues salariais, perda de beneficios sociais ou contra a precariedade e pobreza laboral; a facer folgas para poder estar coas nosas fillas e fillos, para que se respecte o noso dereito a conciliar ou a acadar unha igualdade real entre homes e mulleres; a manifestármonos para que se nos paguen as horas extra que nos obrigan a facer en xornadas laborais interminábeis…

Lei Mordaza e art. 315.3 do C.P.

Ante a nosa loita ese capitalismo voraz, pero covarde, desde os seus despachos nas institucións e no propio goberno do Estado español, impuxo a Lei Mordaza e endureceu o Código Penal para neutralizar a nosa solidariedade como clase e a nosa capacidade de mobilización nas rúas e nos centros de traballo contra os seus inxustos recortes. Unha Lei que pretende ser exemplarizante castigando a quen se mova con multas ou penas de cárcere.

Nos últimos meses, o Goberno do PSOE está aplicando esta antidemocrática e inxusta lexislación, no seu día aprobada polo PP, abrindo expedientes sancionadores a traballadores e traballadoras por mobilizacións ou folgas polos seus dereitos.  

Pero na CIG non nos arredamos. Denunciamos o intento de someternos utilizando o sistema xudicial contra quen cometeu o único delito de defender os seus dereitos. Chamamos á mobilización contra quen nos quere seguir roubando e pretende castigarnos por defender o que é noso e apelamos a todas as compañeiras e compañeiros a exixir a derrogación das reformas laborais, da reforma da negociación colectiva, da Lei Mordaza e do artigo 315.3, contra as que nin sequera as pretendidas esquerdas españolas moveron un dedo.

De igual maneira que conseguimos o indulto de Carlos e Serafín, non permitiremos a farsa de xulgar o compañeiro Carlos Lamosa, que terá que enfrontarse en Vigo a un xuízo, o vindeiro día 15 de outubro, por participar nunha concentración durante a folga de ambulancias, en demanda dun convenio colectivo digno, que conseguimos asinar o pasado mes.

Penas de prisión

Non calaremos diante do xuízo contra os compañeiros da cafetería do Meixoeiro, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de outubro tamén en Vigo. Compañeiros que se enfrontan a peticións de penas de prisión de entre 10 meses e 4 anos por supostos danos e coaccións, por un convenio digno.

E non pararemos até que remate a burda montaxe que padece o compañeiro Pintos, que terá que enfrontarse a un xuízo os días 12, 13 e 14 de novembro, por suposta agresión a un policía, na Audiencia Provincial, na Coruña, durante unha mobilización en defensa do emprego e da industria na comarca de Ferrolterra.

Mobilizarémonos por cada compañeiro ou compañeira que se enfronte á represión, porque defender os nosos dereitos non é delito!

Volver