Non hai violencia que nos pare na conquista da igualdade

25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres
Nacional - 21 Nov 2023

A Secretaría das Mulleres da CIG ten convocado, para o vindeiro día 22 de novembro, o XIII Encontro de Mulleres da CIG, que nesta ocasión se celebrará en Lugo en apoio á loita das traballadoras da limpeza. Ás portas do 25 de Novembro, a central continúa a denunciar o sistema patriarcal, unha estrutura de organización e dominación sexo-xénero no que prevalece a autoridade e o poder dos homes e do considerado como masculino, mentres as mulleres son despoxadas do exercicio de liberdades, dereitos, poder económico, social e político. “A violencia de xénero é unha das manifestacións máis claras desta desigualdade, das relacións de poder dos homes sobre as mulleres”, afirma.

Denuncia, ademais, a usurpación por parte das institucións das reivindicacións do feminismo de clase. Lembra que novembro é o mes das fitas lilas, dos minutos de silencio e das campañas institucionais que poñen o foco nas vítimas como suxeitos aos que hai que protexer, carentes de autonomía, dependentes do que consigan mudar as leis autonómicas ou estatais e, ao tempo, do rearme do machismo para evitar perder a súa hexemonía.

Considera, porén, que non abonda coa proliferación de cambios legais se estes non van acompañados da dotación orzamentaria correspondente e necesaria para levalos a cabo. “A violencia só pode combaterse cun compromiso real que garanta a súa aplicación, asegurando os dereitos das mulleres e evitando que volvan expoñerse a situacións de violencia” e garantindo que as respostas institucionais, xudiciais, administrativas e empresariais que reciben “sexan as adecuadas ás súas necesidades e áxiles na resposta”.

Por iso chama ás delegadas e delegados da CIG a desenmascarar a “hipocrisía” das empresas e institucións á hora de abordar a violencia contra as mulleres. “A loita contra a violencia machista pasa por manter unha actitude combativa, censurando e denunciando nos lugares de traballo, nas institucións, nos fogares e nas rúas, todas aquelas situacións de machismo, discriminación e desigualdade que en si mesmas supoñen unha situación de violencia contra as mulleres”.

Aplicación urxente de medidas

Precisamente para combater esta situación reclama a aplicación urxente das seguintes medidas:

  • Instar a empresas e administracións a negociar coa representación das persoas traballadoras para pór en marcha protocolos de prevención e actuación ante o acoso e outras expresións de violencia no traballo.
  • Que se avalíen todos os riscos existentes nos postos de traballo, aínda que non os ocupen mulleres e mesmo cando non as haxa na empresa.
  • Demandamos que se informe a todo o persoal sobre o uso da canle de denuncias e os dereitos laborais das vítimas.
  • Actuación da Inspección de Traballo ante as infraccións en materia de relacións laborais e de prevención de riscos, tanto no caso de que as empresas non conten con procedementos e medidas para a prevención e actuación fronte o acoso e os riscos, como por non executalas ou facelo inadecuadamente.
  • Denunciar diante de ITSS as empresas e administracións que non tramiten estas continxencias como accidente de trallo.
  • Adoptar unha política de tolerancia cero coa violencia, o machismo e a discriminación nos lugares de traballo, incluíndo un réxime sancionador contra quen realice e ampare estas condutas.