Notas para debater o que está acontecendo en Venezuela

João Pedro Stedile - 25 Mar 2019

En Venezuela estase librando unha batalla mundial da loita de clases que pode marcar a xeopolítica de todo o século XXI, tan significativa como o foi a Guerra Civil española nos prolegómenos da II Guerra Mundial

  1. Existe unha crise internacional do modo de produción capitalista que vén profundándose desde o 2008. Neste cadro, a hexemonía do capital financeiro implica que acumulen só as grandes corporacións e os bancos; en contraposición, as economías dos países e os pobos, en especial os sectores traballadores, pagan con máis desemprego, aumento das desigualdades, migracións, conflitos sociais e perda de dereitos, ademais da diminución dos servizos públicos básicos de educación, saúde, vivenda, etc.
  2. Coa eclosión da crise económica, os gobernos fundados con base en pactos de conciliación de clases con estabilidade política non conseguen xa máis sosterse, porque o Estado e as súas finanzas transfórmanse no terreo da disputa de clases.
  3. Existe tamén unha crise da chamada democracia burguesa formal. As eleccións e os seus gobernos xa non conseguen representar os intereses reais da maioría da sociedade e os seus triunfos electorais son froito da manipulación, da fraude e pagados con millóns. Deste xeito, como efecto desta crise, os pobos deixan de acreditar nos políticos e no réxime de representación formal.
  4. Neste contexto, o capital dominante, a través das grandes corporacións e os bancos, diríxese prioritariamente á apropiación privada dos recursos da natureza: petróleo, de Brasil minerais, auga, árbores, biodiversidade e enerxía, como forma de obter altas taxas de lucro e, grazas a esas rendas extraordinarias, volver acumular e crecer. Nese sentido, só os capitalistas que se apropian deses bens da natureza que eran comúns, que non foron producidos polo traballo e que son transformados en mercadorías, alcanzan unha renda fantástica.
  5. Na disputa internacional por eses mercados de bens naturais, desprégase unha nova correlación de forzas entre os Estados Unidos, a Europa Occidental e Eurasia (Rusia, Irán, China). Esas economías lidan entre elas pola apropiación dos bens da natureza e dos mercados. Iso levou os capitalistas de EUA a aumentaren as súas presións sobre América Latina, para mantela como territorio controlado polos seus intereses, o seu “patio traseiro” como adoitan chamala, e así ter acceso garantido aos seus bens e mercados e estar en mellores condicións para se enfrontar ao seus competidores internacionais.
  6. No eido da política e da ideoloxía, as crises fixeron emerxer un mundo de novas forzas burguesas de ultradereita. Esas forzas reaccionarias promoveron a construción de novos inimigos: os migrantes, os dereitos da poboación traballadora, os costumes, a cultura, etc.
  7. Infelizmente, esas forzas de ultradereita conquistaron polo voto algúns gobernos. Foi o caso de Donald Trump en EUA, en Italia, Hungría e Andalucía en Europa; na India e as Filipinas en Asia. Aquí en América Latina conquistaron os gobernos de Arxentina, Brasil, Paraguai, Chile, Perú e O Salvador.
  8. Para vencer nas eleccións, estas forzas de ultradereita non expoñen claramente os seus verdadeiros proxectos e concepcións ideolóxicas, porque saben que iso non contará co apoio da maioría da poboación. Entón, dedícanse a manipular a opinión pública, por exemplo, co uso masivo de internet e a produción de mentiras sistemáticas contra a esquerda e os sectores progresistas. E tamén utilizan as igrexas pentecostais para influír nas poboacións máis pobres que dependen delas.
  9. Todo iso aconteceu tamén na crise da década de 1930, cando os capitalistas utilizaron o discurso nacionalista e as ideas fascistas para conquistar o goberno e saír da crise. E utilizaron tamén as guerras mundiais para disputar os mercados e eliminar medios de produción co custo de millóns de vidas humanas.
  10. É neste contexto no que se poden entender as derrotas dos gobernos progresistas en América Latina que actuaron con base na conciliación de clases e que, aínda que non se trataba de gobernos revolucionarios, foron desaloxados do poder polas burguesías coas que estaban aliados.
  11. Neste cadro, precisamos analizar a ofensiva política, ideolóxica e agora militar do capital dos EUA sobre Venezuela orientada a controlar de forma privada e internacional as súas reservas de petróleo. Venezuela ten unha das maiores reservas de petróleo do mundo e das máis próximas ao mercado estadounidense. Ningún outro país ou territorio do mundo podería asegurar e ampliar tanto o abastecemento de petróleo para os EUA.
  12. Ademais diso, consideremos que os analistas prevén que os prezos do petróleo deben volver subir alcanzando marxes superiores aos 100 dólares nos próximos dous anos, chegando xa aos 70 ao final do 2019. Iso outorgaríalle a quen controle as reservas hidrocarboníferas venezolanas unha fantástica renda petroleira.
  13. O pobo venezolano está enfrontando esa guerra xa desde hai 20 anos e, agora, chega unha nova etapa na que esta se pode transformar nun conflito militar.
  14. Ao longo de todo ese período, desde que Hugo Chávez gañou as eleccións en 1998 e tomou posesión en 1999, existiu un escenario permanente de ataque dos capitalistas venezolanos e internacionais ao proceso de cambio económico e social en Venezuela. Estes podían admitir un militar gobernando Venezuela -como fixeron tantos en América Latina- pero non admitirán nunca que o petróleo pase a ser utilizado como un ben fundamental para a reestruturación da economía venezolana, para financiar a distribución da renda e solucionar os problemas do pobo: a vivenda, a saúde, a educación, o transporte público e as infraestruturas sociais.
  15. En todos estes anos, os capitalistas do norte e o goberno estadounidense aplicaron toda a súa experiencia histórica do que xa fixeron noutros países para intentar derrubar o goberno e o proceso bolivariano.
  16. Primeiro tentaron construír un goberno de compromiso de clase con Chávez, propoñendo políticas neoliberais; indicando ministros e mesmo un presidente do Banco Central. Pero non funcionou. Chávez respondeu coa convocatoria a unha Asemblea Constituínte e unha redacción dunha nova Constitución que devolveu ao pobo e non aos partidos conservadores a soberanía do poder político e os destinos da nación.
  17. Despois, en 2002, apelaron a un golpe de Estado clásico, como fixeron en tantos países. Secuestraron o presidente Hugo Chávez do Palacio de Miraflores e colocaron no seu lugar a un empresario. Fronte a iso o pobo respondeu, cercou o palacio e en 48 horas o golpe foi derrotado por ese pobo e por un grupo importante de cadetes e novos militares que entraron ao servizo militar cunha formación bolivariana mesmo cando o alto mando das forzas armadas apoiaba o golpe polas súas relacións históricas coa oligarquía local. Ese momento foi de moita importancia, pois marcou un punto importante da unión cívico-militar que terá un papel moi significativo no desenvolvemento da revolución bolivariana a posteriori.
  18. Despois, os empresarios que aínda estaban na petroleira estatal PDVSA comandaron unha folga xeral petroleira paralizando todas as actividades e provocando o caos no país, promovendo un clima de desestabilización social. O goberno conseguiu, xunto cos traballadores, reverter ese proceso e promover unha fonda renovación da estrutura da empresa, reorganizando o seu mando entre o goberno e a poboación traballadora.
  19. Entón aplicaron a táctica chilena. Promoveron a especulación sobre certos produtos para xerar pánico no pobo e desabastecemento que foi desde a fariña aos medicamentos e outros bens moitísimo arraigo popular, como o papel hixiénico, o azucre, o leite, o café, a pasta dentífrica. O goberno usou as reservas de petróleo para a compra estatal e distribución deses bens básicos para a poboación.
  20. Pasaron entón á táctica utilizada en Ucraína co terrorismo público nas rúas e a práctica das guarimbas en que mozos pequenoburgueses ou lúmpenes pagos en dólares bloquearon rúas, queimaron locais simbólicos, botaron bombas incendiarias en xardíns de infancia, hospitais e mesmo bases militares, etc. Pero, unha vez máis, iso non funcionou e o pobo enfrontou ao terrorismo e derrotou as guarimbas.
  21. Intentaron tamén subverter e gañar oficiais das forzas armadas para o seu proxecto, compraron algúns pero non conseguiron nin o levantamento nin a división militar. Entre outras razóns, porque a maioría dos militares que conseguiron comprar están fóra de Venezuela, o que significa que carecen de influencia concreta no país.
  22. Por outra banda, acusaron sistematicamente o goberno venezolano de ser un ditador, tanto a Chávez canto agora tamén a Maduro. Mentres tanto a oposición participou de 25 eleccións en vinte anos, onde se elixiron diferentes gobernadores, prefectos e deputados; fixeron múltiples actividades na area pública e controlan a maior parte dos medios de comunicación de masas. Con todo iso, como xustificar que se trata dunha ditadura? En ningún país occidental se dan condicións semellantes. Doutra banda, o proceso electoral, con urnas electrónicas e comprobantes impresos, transformouse nun dos procesos existentes máis transparentes, comprobado por diversas fundacións de Estados Unidos que fiscalizaron as últimas eleccións.
  23. Nos últimos meses, intensificouse o bloqueo económico para evitar que chegasen mercadorías do exterior, sendo unha economía petroleira, Venezuela é moi dependente dos bens producidos fóra do país. E, máis que todo, operaron abertamente manipulando o tipo de cambio do bolívar desde un portal situado inexplicabelmente en Miami. Sintomaticamente, a burguesía local tomou como referencia ese portal sen ningunha base económica real para especular co dólar, que virou a ser unha mercadoría máis que unha moeda; unha mercadoría de referencia para todas as demais.
  24. Impulsaron tamén unha campaña de estímulo e motivación para que miles de persoas saísen do país coa promesa de emprego e un futuro soñado. Máis do 30% dos que saíron xa regresaron desilusionados, recibindo o apoio do goberno para o seu retorno. Por outra banda, a migración non é descoñecida nin un problema para os venezolanos, xa que viven no país máis de 5 millóns de colombianos, milleiros de haitianos e tamén milleiros de europeos que chegaron co boom petroleiro da década dos 70, como españois, italianos, portugueses e, tamén, libaneses.
  25. A tese de esixir novas eleccións non ten paralelo na historia das democracias burguesas modernas. Só porque a dereita perdeu as eleccións contra Maduro, fiscalizadas por centenares de autoridades de todo o mundo, se teñen que convocar novas eleccións? Por que? Non hai base legal e moral para destituír un goberno lexítimo. Por outra banda, a mesma tese podería aplicarse contra outros gobernos, contra Bolsonaro, contra Macri, etc. E os mesmos deputados da Asemblea Nacional que queren destituír a Maduro foron electos polo mesmo sistema.
  26. Agora entramos nunha etapa final. Os tempos acúrtanse. Ao goberno de Trump réstanlle dous anos de mandato, e podería perder as próximas eleccións. Por outra banda, o prezo do petróleo tende a subir. Finalmente, a definición ideolóxica de varrer os gobernos progresistas e de esquerda exprésase na necesidade de acabar co goberno de Maduro. Como di Trump: “primeiro imos derrubar o goberno de Maduro, despois virá Cuba, Nicaragua, etc.”.
  27. Antes de iniciar a fase de maior ofensiva externa, o goberno de Trump tentou crear as condicións internas de desestabilización económica e política; nomeando a Guaidó como novo goberno lexítimo, descoñecendo as forzas políticas do país e, mesmo, as propias da oposición burguesa. É dicir, tentando dar un golpe constitucional e, por suposto, ilegal; repetindo a fórmula xa utilizada contra o presidente Lugo en Paraguai, contra o presidente Zelaya en Honduras e contra a presidenta Dilma Rousseff en Brasil.
  28. Nesta nova etapa aparece tamén a posibilidade dunha invasión militar. Crearon un goberno fantoche que nin sequera é coñecido no país, totalmente á marxe de calquera elección e legalidade. E agora trátase de aumentar o cerco, a presión internacional e, quen sabe, mesmo unha intervención militar cirúrxica.
  29. Mais esta táctica final depende de moitas variables. A sociedade estadounidense non aceptaría perder os seus soldados nunha guerra inxustificábel, e por iso deberían utilizar forzas multilaterais, da OEA por exemplo. Pero na OEA só obtiveron 16 dos 34 votos e non tiveron maioría para autorizar unha invasión amparada desde esa institución. Intentárono entón no Consello de Seguridade da ONU, que tamén lles negou o dereito para invadir Venezuela, coa negativa de Rusia, China e outros países. Requiriríase das forzas armadas de Colombia e Brasil, e non resulta sinxelo a súa adhesión polas consecuencias que este conflito tería na política interna e a pouca disposición das forzas armadas destes países.
  30. A última táctica sería logo unha intervención militar cirúrxica, por aire por exemplo, como o fixeron en Iugoslavia, Ucraína, Libia e Siria, para crebar a sustentabilidade económica do goberno e forzar o seu derrubamento. Mais antes dunha intervención militar eles necesitan romper a unidade entre as forzas armadas bolivarianas e a maioría do pobo que hoxe existe en Venezuela. Esta unidade é capaz de derrotar calquera intervención militar, causando un alto custo de vidas e tamén político ao goberno de Trump.
  31. Esa aventura militar podería transformarse nun conflito bélico internacional coa probábel solidariedade de Rusia, Irán e Turquía; transformando Venezuela nunha Siria latinoamericana, con consecuencias imprevisíbeis e de alto custo para os estadounidenses, como de facto aconteceu en Siria.
  32. E, tamén, unha intervención militar deste tipo levaría a unha grave contradición para as forzas imperialistas. Unha probábel derrota das forzas dereitistas invasoras significaría que os Estados Unidos terían que recibir unha nova e gran inmigración de toda a burguesía venezolana que, tras a derrota militar, non tería máis espazo político nin social para permanecer no país, como aconteceu despois da derrota militar da invasión en Bahía dos Cochinos en Cuba.
  33. Neste cadro, para o día 23 de febreiro, Estados Unidos e os seus aliados colombianos planificaran facer unha invasión pola fronteira colombiana co plan de instalar o goberno autoproclamado de Guaidó nunha Alcadía desa rexión. Pero Guaidó mentiu ao dicir que contaba co apoio dos venezolanos e caeron na súa propia trampa. Non había multitudes no seu apoio, nin ao lado colombiano nin ao venezolano. Pola contra, ademais das forzas armadas, miles de venezolanos e venezolanas acudiron a defender a súa patria. A axuda humanitaria era unha farsa agora denunciada mesmo pola CNN, e tiveron que queimar eles mesmos os dous camións para ocultar os instrumentos bélicos que transportaban. Foi unha vitoria para o pobo de Venezuela.
  34. O día 25 de febreiro prepararan a reunión de todos os gobernos do Grupo de Lima que, en caso de invasión, debían dar o visto e prace ao novo goberno. Pero, tras a derrota da súa iniciativa, a reunión foi un velorio, agravado aínda máis pola posición dos militares brasileiros que, representados polo Xeneral Mourão, votaron en contra de calquera agresión militar.
  35. Despois daquela derrota, creron que o goberno venezolano ía encarcerar a Guaidó ao seu regreso, transformándoo en vítima e heroe da dereita. Pero o goberno foi paciente e deixouno só...e nada significativo ocorreu coa súa volta. Pola contra, as manifestacións populares que seguiron deron máis lexitimidade ao goberno de Maduro.
  36. Logo intensificaron a sabotaxe. As forzas de intelixencia da CIA, e quen sabe de que outro organismo máis, operaron sobre as computadoras da hidroeléctrica do Guri e sobre a distribución de enerxía eléctrica e promoveron un apagón nacional causando moitos trastornos. O goberno respondeu con máis mobilizacións e denuncias, mentres a prensa burguesa internacional lle botaba a culpa do corte. Realmente, é patético, a CIA ou outros organismos de intelixencia levan adiante o ataque cibernético e queren culpar o goberno.
  37. Certamente, seguirán co seu bloqueo económico e financeiro, contra as empresas e individuos que actúen a favor de Venezuela. Xa fixeron o mesmo durante 60 anos contra Cuba, e desde hai 30 anos contra Irán. Pero a vontade dun pobo unido é moi difícil de derrotar.
  38. As próximas semanas e os próximos meses serán decisivos para resolver cal será a táctica que van adoptar os estadounidenses. En Venezuela estase librando unha batalla mundial da loita de clases que pode marcar a xeopolítica de todo o século XXI, tan significativa como o foi a Guerra Civil española nos prolegómenos da II Guerra Mundial.
  39. De parte do goberno venezolano será necesario, nesta batalla, conservar a unidade das forzas armadas bolivarianas e manter a maioría do pobo chavista mobilizado na defensa da patria. Pero no curto e medio prazo, requírese tamén desenvolver un novo programa económico que logre superar os desafíos impostos polo bloqueo occidental e a dependencia petroleira para levar adiante un programa de desenvolvemento económico con igualdade social.
  40. Hoxe, a defensa da soberanía de Venezuela significa a defensa da autodeterminación dos pobos contra o imperio. Necesitamos estar activos e activas, ben informados dos movementos que se sucedan. Os próximos pasos serán decisivos, e todas as forzas populares e de esquerda do continente e do mundo enteiro debemos manifestarnos claramente en defensa do proceso bolivariano que ten, abofé, as súas propias contradicións e desafíos como é propio de todo proceso de cambios estruturais nunha sociedade.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 19 de marzo de 2019]