Notas para un confinamento

Anxo Nozeda - 26 Mar 2020

Non pode ser que se nos queira vender a empresarios “amasa-fortunas” e carentes de toda moral como benfeitores do pobo con base nas súas ridículas esmolas. Esiximos deles que agora tributen aquí todo o roubado

(Advertencia previa: xa sei que o que se di a continuación, nin moito menos é politicamente correcto)

Undécimo día de confinamento (duodécimo se facemos caso do BOE, que até niso xogaron a querer confundirnos).

Undécimo día de medo, psicose, alarmismo.

Undécimo día de rúas practicamente baleiras. Undécimo día no que ás poucas persoas que se ven pola rúa actúan como auténticos autómatas.

Undécimo día no que, por exemplo, ir mercar, despois dos amoreamentos dos primeiros días, supón aturar ringleiras quilométricas por mor de manter a distancia de seguridade, ou que calquera persoa coa que te cruces ao ir ou ao voltar automaticamente se separe de ti (mesmo ti, se non repara, tamén tes interiorizado ese automatismo: separarte!).

Undécimo día de teletraballo, para quen pode levar a cabo o seu labor profesional dese xeito; quen non, ou ERTE de forza maior, ou a traballar sen que haxa ninguén que se preocupe de que o faga con plena seguridade (sexamos xustos, ninguén non, hai algúns como a CIG que nos ocupamos e preocupamos diso dende o primeiro momento).

Undécimo día (mellor dito duodécimo día) de incoherencia e incongruencias entre as medidas adoptadas e a práctica que se esta a levar a cabo.

Undécimo día de illamento social “voluntario”, de alimentación do máis exacerbado individualismo.

Undécimo día de anoxamento dos/as uns/has aos/ás outras/os á conta do coronavirus, converténdonos cadaquén en vixilantes/as e represores/as dos demais.

Undécimo día de traballo masificado, sen distancias de seguridade e con fins simplemente mercantilistas en numerosas fábricas/empresas cuxa produción nin é esencial nin necesaria para abordar esta crise.

Undécimo día de reproches sistemáticos dunhas administracións cara ás outras pola incompetencia e incoherencia no xeito de abordar esta situación (iso si, a situación obriga a iso, agora os reproches sempre comezan con “eu non vou aproveitar esta situación para reprochar nada, pero...”).

Undécimo día dunha situación excepcional, con adopción de medidas excepcionais para os de sempre, mentres que contra a clase traballadora e as clases populares, séguense a adoptar as medidas de sempre: ERTEs, despedimentos, desprotección, etc. Ao igual que en 2008, hoxe vólvense rescatar as empresas e “tírase” coas persoas.

Undécimo día en que só se fala do coronavirus, para deste xeito tapalo todo e non falar de nada, nin tan sequera da incoherencia e incongruencia de El Rei Felipe VI, quen di renunciar á herdanza do seu pai, mais segue sendo Rei, é logo o ser Rei de onde lle vén?. Coidaba que nas monarquías o título se herdaba, mais parece que na española non; xa se sabe: Spain is different!.

Undécimo día no que nos veñen de anunciar que non queda só unha semana de confinamento... non! a esa semana acábanlle de engadir dúas máis!

Undécimo día de.......... para que seguir?, penso que xa se entende todo.

Despois destes últimos once (doce) días nos que pouco ou nada teñen que ver as medidas ditadas nos RDL co que se pretende solucionar, e moito menos coas medidas que realmente na práctica se están a adoptar, do meu punto de vista só hai dúas posíbeis alternativas:

  1. a) A alarma sanitaria decretada NON é real, senón que se esta a empregar para pór en marcha medidas laborais e sociais que doutro xeito serían imposíbeis de executar, e moito menos contarían cos parabéns da poboación para a súa posta en funcionamento e, dende logo, contarían cun enorme rexeitamento social, medidas que ademais se sitúan nas antípodas das establecidas noutros estados tanto de Europa como do mundo. Vexamos só algúns supostos:

- Lonxe de derrogarse as contrarreformas laborais, estanse a aplicar con maior dureza que nunca e ademais nun contexto de nulo rexeitamento laboral e social.

- Na vez de se derrogar a “Lei Mordaza” vemos como non só nos limitan as concentracións/mobilizacións, senón que ademais nos confinan nas casas. E se a algún despistado/a se nos ocorre estar na rúa sen causa xustificada, sanciónannos con 600€, e ademais o resto da poboación aplaudimos porque estaba pondo en perigo a nosa saúde.

- Nunca como agora, dende a morte de Franco, nin tan sequera no 23-F, tiveron unha presenza tan normalizada nos medios de comunicación e na rúa os estamentos militares e os propios militares. É máis, recibímolos como auténticos benfeitores.

- Somos máis españois e unidos/as que nunca, non hai diferenzas!, para combater o virus todos/as temos que vestir o mesmo uniforme! Cunha enorme centralización de calquera decisión, inadmisíbel en calquera outra circunstancia.

De aí que, e como xeito de resposta social, teriamos que dar un paso decidido adiante reclamando a desobediencia ao que non é máis –aproveitándose da situación sanitaria- que a implementación de novas medidas socias e económicas retrógradas e que mesmo podiamos cualificar de golpistas.

  1. b) A alarma sanitaria decretada É REAL, polo que entón non pode haber medias tintas. Non ten sentido seguir cometendo erros como permitir, tal e como se fixo, que os habitantes dos focos máis importantes (nomeadamente Madrid) se espallasen por todo o Estado levando con eles o virus e o seu contaxio. Non pode ser que se queira aproveitar esta situación para, unha vez máis, beneficiar os de sempre e enriquecer os do IBEX-35. Non pode ser que se nos queira vender a empresarios “amasa-fortunas” e carentes de toda moral como benfeitores do pobo con base nas súas ridículas esmolas. Esiximos deles que agora tributen aquí todo o roubado, non pode ser que se pretenda tirar proveito da imposibilidade –polas medidas de confinamento decretadas- de que o pobo se mobilice, por iso se a alerta sanitaria é real, cómpre adoptar medidas críbeis, coherentes e de protección social, por iso se o que está a acontecer, realmente, é certo, hai tres medidas imprescindíbeis que adoptar:

- Paralización de toda actividade económica non esencial e/ou sanitaria.

- Implementación e dotación real das medidas de seguridade e preventivas necesarias en todos os sectores que continuasen en activo.

- Que todos os/as traballadores/as que se vexan afectados/as por esta situación sigan a percibir o 100% das súas retribución mentres dure o estado de alarma. Percepción do 100% dos salarios que tamén se tería que facer extensivo aos/ás traballadores/as que aínda permanecendo en activo tivesen que tirar de permisos para o coidado de familiares.

Seguir a facer o contrario ás propostas aquí realizadas para á alternativa b), tal e como están a facer o Goberno do Estado e o Goberno da Xunta, significaría que (cando menos nas cabezas destes gobernos) non se acredita na alerta sanitaria, motivo polo que seguen a traballar como se alternativa a) fose a real, polo que non podo concluír outra cousa máis que o que estamos a vivir é un desatino, que carece de coherencia e está sendo aproveitado para levar adiante as reformas máis regresivas das últimas décadas, tanto no laboral como no social, ao tempo que se dá un xiro recentralizador do Estado, e isto na vez de pór freo dunha vez por todas a esta pandemia.

 

[Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2020]