Nova encrucillada no sector naval

César Rodríguez - 14 Xun 2022

Os poderes públicos, e particularmente os gobernos español e galego, ambos con ámbito competencial sobre o sector naval, teñen un papel relevante na saída da crise

A pesar das continuas mensaxes que intentan transmitir un cambio de dinámica no sector naval, o que está a acontecer no estaleiro Metalships devólvenos á triste realidade que vive unha das principais industrias que contribuíu ao desenvolvemento da economía da comarca de Vigo.

 Despois do peche do foco mediático dunha Navalia tan “exitosa”, o que atopamos é que outro histórico estaleiro parece levar o mesmo camiño que Factorías Vulcano e HJ Barreras.

 Hai cinco anos que Metalships non contrata un barco; nos últimos dous anos, e malia os cambios na dirección, os únicos movementos foron o despedimento de arredor de 18 traballadores/as, iniciándose unha paulatina deterioración da situación, ao que hai que sumar que o convenio colectivo leva anos paralizado e que se está a producir unha perda progresiva de persoal.

 A estas alturas de mes os traballadores/as aínda non cobraron os salarios de maio, o que os coloca nunha problemática económica e familiar e supón un novo exemplo da deterioración da imaxe que se traslada ás posíbeis empresas armadoras e clientes do sector.

 Os poderes públicos, e particularmente os gobernos español e galego, ambos con ámbito competencial sobre o sector naval, teñen un papel relevante na saída da crise, condicionando o apoio a un novo modelo de sector que actúe como contorno local cunha industria integrada entre estaleiros e compañías auxiliares, liderada por empresarios/as e profesionais solventes financeira e profesionalmente.

 Sendo un sector fundamental para o desenvolvemento económico e social da bisbarra de Vigo, e por exención de Galiza, e ante o fracaso dalgúns dos modelos empresariais, é deber das institucións publicas apoiar e buscar solucións a unha situación de deterioración que ameaza con facer imposíbel a recuperación do sector para que volva ter a capacidade tractora de potenciar a economía e o emprego.

_____________________________________________________________________________

César Rodríguez, CIG-Industria Vigo

_____________________________________________________________________________

 

[Vigo, 14 de xuño de 2022]