Nova hexemonía política no Mercosur

Julio C. Gambina - 24 Xul 2019

Os gobernos da dereita na rexión pretenden na conxuntura retomar o rumbo dos noventa, de inserción subordinada, e consolidar unhas relacións socioeconómicas converxentes coa demanda política da hexemonía mundial capitalista

 A linguaxe das declaracións ao finalizar a cimeira do Mercosur na cidade de Santa Fe na Arxentina mantén o carácter diplomático, ás veces anódino, pero fica ben claro o cambio da hexemonía política de hai poucos anos.

 Trátase dun regreso á orixe por constituír a institucionalidade da liberalización económica na rexión sudamericana. Lembremos que o Mercosur xorde en 1991, momento de auxe da liberalización e o neoliberalismo, consecuencia directa da ruptura da bipolaridade entre capitalismo e socialismo derivado da caída do Muro de Berlín e a desarticulación da URSS. É un proceso despregado entre 1989 e 1991, con antecedentes diversos nos 80, sexa un novo papado na Igrexa católica, a crise polaca e a impronta global das presidencias de Thatcher e Reagan en Gran Bretaña e EUA. É unha historia longa, de remotos antecedentes por enterrar calquera posibilidade de construción social non capitalista.

 A ofensiva liberalizadora dos 80 consolidouse na rexión latinoamericana e caribeña nos 90, Consenso de Washington mediante. A ofensiva liberalizadora do capital impoñía a axenda de reorganización do sistema mundial e das relacións capitalistas, afectando dereitos laborais, súper explotando a Natureza e modificando a función do Estado. Claro que ao mesmo tempo os pobos presentaron resistencia, especialmente nos territorios de Nuestramérica e deuse unha experiencia de cambio político que xerou expectativas no ámbito mundial.

Experiencias de cambio político

 O laboratorio dos novos gobernos xurdidos da dinámica da resistencia popular á globalización neoliberal e capitalista, retardou o proceso imaxinado dunha integración subordinada na lóxica imperialista do ALCA ou das negociacións lideradas desde Europa polos países da península Ibérica.

 A novidade “nuestramericana” debía ser abortada e aplicáronse todas as estratexias posíbeis para reverter un fenómeno que aludía e puña en práctica novos mecanismos dunha integración non subordinada, mesmo con ideas na articulación produtiva do petróleo e a soberanía enerxética; a alimentación e a soberanía alimentaria; e mesmo con propostas sobre unha “nova arquitectura financeira” sustentando a soberanía financeira.

 Coa foto da cimeira presidencial destes días en Arxentina, consolídase unha nova hexemonía de orientación de dereita no Mercosur, co aliñamento e sintonía moi especial dos presidentes de Brasil e de Arxentina, os dous maiores entre os socios da articulación rexional, os que se suman á tradición dereitista en Chile e Paraguai, condicionando fortemente a Uruguai. Só Bolivia mantén hoxe os valores que até hai poucos anos hexemonizaban o proxecto de integración na rexión, onde Hugo Chávez e Venezuela achegaban a dinámica de creatividade e renovación dos principais instrumentos dunha integración non subordinada. Venezuela está fóra do Mercosur pola decisión da hexemonía no bloque, crecentemente subordinado á política exterior de EUA.

 A disputa é pola institucionalización de instrumentos que faciliten a libre circulación de capitais, mercadorías e servizos no Mercosur. Nesa disputa xóganse os acordos recentes coa Unión Europea, probábeis con EUA e con diferentes países. Son acordos políticos entre Estados capitalistas para favorecer negocios das transnacionais con orixe neses territorios ou países.

Inserción mundial da rexión

 É por iso polo que gaña terreo a extensión da mercantilización en tempo de dominación transnacional da economía mundial, e que define o lugar da rexión no sistema mundial.

 De feito, configúrase unha especialización produtiva que privilexia un modelo primario exportador sustentado na histórica dotación de recursos naturais, sexa a terra, a auga, os minerais, o petróleo, o gas, o cobre, a biodiversidade, etc.

 A pouca industrialización construída en tempos de substitución de importacións deriva nunha lóxica de ensamble subordinada á dominación tecnolóxica e financeira das grandes corporacións transnacionais. Todo acompañado dunha dinámica de especulación financeira que, á vez que alimenta o endebedamento público e privado, compromete as finanzas na rexión.

 En rigor, faise parte dun proceso que vai na liña de alimentar un ciclo mundial onde a valorización do capital potencia a integración dos ámbitos produtivos e de circulación con gran peso da banca, os mercados de capitais e unha política monetarista nos organismos internacionais e os principais países do capitalismo.

 Aclaremos que os gobernos do cambio político non modificaron esencialmente ese perfil produtivo e o modelo de desenvolvemento consecuente, asociado ao consumismo, mesmo cando apareceron novas propostas de articulación produtiva e financeira como comentamos.

 Os gobernos da dereita na rexión pretenden na conxuntura retomar o rumbo dos noventa, de inserción subordinada, e consolidar unhas relacións socioeconómicas converxentes coa demanda política da hexemonía mundial capitalista. Por iso gaña o discurso de apertura ao mundo, o que supón subordinación á lóxica da dominación, sustentada na concentración e centralización do capital.

Recreación da hexemonía neoliberal

 Nese camiño débese retomar o desarmamento da lóxica reformista construída durante medio século entre 1930 e 1980.

 Aínda con matices en distintos países do mundo, as políticas de Estado benefactor ou keynesianas son as que outorgaron dinámica no esencial ás políticas públicas en todo o mundo, cun resultado favorábel ao lucro, si, mais tamén para o salario, o emprego e a seguridade social, con dereitos sociais, individuais e laborais estendidos. Pretendíase afastar a demanda socialista entre os traballadores e as traballadoras.

 A política neoliberal pugnou por desmantelar esas conquistas sociais, matizadas segundo a realidade da loita de clases en cada territorio.

 Ese propósito foi interrompido no cambio de século en Nuestramérica, que, coa subsistencia do proxecto cubano, reanimou a posibilidade de imaxinar un destino socialista, do século XXI para os nosos países. Iso era e é o que había que frear.

 Só así se pode explicar o que vén acontecendo, máis aló de opinións que se poidan verter sobre as diferentes realidades e experiencias. Non é o mesmo o imaxinario polo socialismo construído nalgúns dos procesos, que as propostas a prol dun capitalismo “serio” ou “normal” formuladas por algúns gobernos. Aínda así, o común era a crítica ao discurso hexemónico de corte neoliberal, máis aló da non realización de mutacións estruturais que afirmasen un rumbo anticapitalista ou mesmo reformista no marco das relacións capitalistas.

 Trátase agora de recuperar o tempo perdido e de aí que se avance con definicións políticas pola apertura e a liberalización, que inducen cambios estruturais de fondo, caso das reformas laborais, de pensións e tributarias, con distinto nivel de avance segundo as realidades de cada país.

 Desde o Mercosur consolídase un discurso en prol da liberalización, xerando condicións para a disputa hexemónica dos capitais máis concentrados do sistema mundial, apoiados polas burocracias dos principais Estados do capitalismo e do seu propio peso nos organismos internacionais. O interrogante pasa polas accións de confrontación derivadas da iniciativa popular, atravesada pola lóxica comunicacional contemporánea, tamén definida pola acumulación de poder económico e cultural da orde capitalista.

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 21 de xullo de 2019]