Nova mobilización contra a represión sindical en Abanca e a política de presión comercial das entidades bancarias
A central continuou na Coruña coa campaña para reclamar unha banca socialmente responsábel
A CIG-Banca continuou este luns na Coruña coa campaña de mobilizacións para rexeitar a presión comercial á que está sometido o persoal e para reclamar unha banca socialmente responsábel. Ao tempo, a CIG volveu denunciar a represión sindical en Abanca e os despedimentos arbitrarios no Banco Santander.
A xornada de protestas comezou diante da sede da Afundación de Abanca, para esixir máis unha vez, a readmisión da delegada da CIG no comité provincial de Pontevedra, despedida inxusta e inxustificadamente hai case un ano por exercer activamente o seu papel como representante do persoal, nun proceso que a CIG-Banca cualifica como “máis propio dos tempos da inquisición”.
A concentración realizouse diante da Afundación con motivo da celebración da Xunta de Accionistas de Abanca, pois malia ser telemática na súa integridade, neste edificio atopábase o Consello de Administración da entidade.
Venda de produtos financeiros baixo presión
A seguir, as protestas trasladáronse ás oficinas do Banco Sabadell, Banco Santander e BBVA onde se rexeitou o “auténtico acoso” que están a exercer as entidades sobre o seu persoal para que coloque produtos financeiros que a clientela no demanda. “Produtos que venden baixo presión, só para encher máis os petos dos bancos, cun sistema de obxectivos cambiantes que medran día a día, sen tempo para analizar o que se vende nin a quen,e con múltiples campañas para colocar produtos financeiros”.
E todo isto en base a xornadas “maratonianas” para atender unha carga de traballo imposíbel de realizar na xornada legal, mentres as entidades non pagan as horas extra, nin as cotizan, nin as rexistran. Esta sobrecarga e o estrés xerado ten consecuencias directas na saúde das traballadoras e traballadores, que ademais sofre ameazas de traslado, se despedimento, ataques á dignidade persoal e profesional e máis presión se as vendas non acadan os obxectivos do banco.
"Violencia laboral coa que nos atopamos día a día cando imos traballar, até o punto de que o consumo de ansiolíticos ou antidepresivos é a triste normalidade. Isto fai que para moitas persoas, traballar nun banco sexa traballar enfermas, nun entorno que as enferma", advirte a CIG-Banca.
Perda da capacidade adquisitiva
A maiores, os salarios perderon entre un 20% e un 25% de poder adquisitivo. "Vendéronnos os convenios actuais como os da recuperación, pero estamos perdendo de novo". Xa que o IPC sube por riba do que pactaron nos convenios dos bancos asociados á AEB e á CECA, pero non percibirán atrasos nin se revisarán as táboas se o IPC non supera o 5,3%.
"Estamos ante unha estratexia das patronais bancarias dentro do modelo de presión comercial: recortar salario fixo para vendernos promesas (falsas total ou parcialmente) de salarios variábeis". Cambian salario certo, por salario incerto e discrecional, o que afonda nas desigualdades. "Se engadimos a suba dos combustíbeis ou dos transportes, sen que se actualicen as compensacións por quilometraxe ou dietas, traballar na banca cústanos salario".
Despedimentos no Santander
Durante a xornada tamén se volveu denunciar o despedimento dunha traballadora do Banco Santander que estaba na oficina de Cedeira do Banco Santander, a quen a empresa despediu de maneira inxustificada, imputándolle unhas faltas que non son tal. Para a central nacionalista, este despedimento forma parte dunha estratexia do banco para reducir persoal mediante despedimentos disciplinarios e seguir pechando oficinas.