Nova mobilización contra os despidos e o peche de oficinas do BBVA, nesta ocasión en Pontevedra

O ERE que o banco ten en marcha suporá a eliminación de 100 empregos e 26 sucursais en Galiza

Pontevedra -

A sección sindical da CIG no BBVA desenvolveu este venres día 15 unha mobilización en Pontevedra para rexeitar o peche da sucursal da rúa García Camba e denunciar os despedimentos e a eliminación de oficinas contemplados no ERE que a entidade ten en marcha, e que afondará na exclusión no acceso aos servizos financeiros da poboación e na destrución de emprego no sector.

Nesta ocasión, tras a protesta celebrada na localidade coruñesa da Laracha o mércores pasado, a concentración tivo lugar de 11:00 a 12:00 horas e consistiu no despregamento dunha faixa ás portas da entidade, onde se berraron consignas contra os plans da empresa e polo mantemento do emprego.

O secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, lembrou que o ERE do BBVA suporá o despedimento de máis 100 traballadoras/es e o peche de 26 oficinas en Galiza. Neste senso, Fernández denuncia que o banco está aplicando os despidos e os peches aos poucos para minimizar o impacto social do ERE, e incluso deixando oficinas atendidas por axentes financeiros externos (a empresa bota persoal propio para contratar persoal falso autónomo en peores condicións), para simular que non hai cambios, aínda que no longo prazo acaba cerrando definitivamente as sucursais.

A CIG opúxose dende o primeiro momento ao ERE (asinado por CCOO, ACB e UGT) por ser inxusto e inxustificado, toda vez que o banco obtivo beneficios millonarios (1200 millóns de euros só no primeiro trimestre), que existe unha enorme sobrecarga de traballo na rede de oficinas e que a clientela demanda atención presencial, como evidencian as colas que se forman nas oficinas.

Pero “o BBVA só quere aumentar aínda máis os beneficios e o reparto de dividendos entre os/as accionistas, reducindo persoal e precarizando as condicións laborais de quen queda, e sen importarlle as consecuencias que os peches teñen para a poboación, que se ve obriga a ter que desprazarse a outras localidades para realizar as operacións bancarias”. Peches que, xunto á dixitalización forzada da clientela, son utilizados polos bancos para xustificar máis despedimentos.

Engade que a brutal reconversión que está a vivir o sector non afecta só ás zonas rurais, senón que “estamos vendo como cada vez máis pechan tamén oficinas nos barrios das cidades, que consideran menos rendíbeis”. A isto haille que engadir a redución dos servizos de caixa e o recorte dos horarios, o que dificulta aínda máis o acceso aos servizos financeiros para as persoas máis maiores ou as que teñen menos alfabetización dixital, “que teñen que recorrer a familiares para poder realizar os trámites habituais e incluso estamos comprobando como aumentan as fraudes”, advirte.

Neste contexto, Fernández adianta que a CIG seguirá mobilizándose nas oficinas que o BBVA comunique que vai pechar e loitando polo emprego, contra a exclusión financeira e por unha banca pública galega.

Volver