As traballadoras en folga do SAF de Chantada volven mobilizarse contra a privatización do servizo

A CIG solicitou reunións coa Xunta e a Deputación para abordar as pretensións do Goberno local

Chantada -

As traballadoras de Axuda no Fogar de Chantada volvéronse mobilizar este xoves  diante da Casa do Concello para rexeitar o proceso de privatización do servizo que pretende levar adiante o Goberno municipal. A protesta insírese no calendario de mobilizacións que as traballadoras están a realizar con motivo da folga indefinida iniciada o pasado luns e que está marcada polos abusivos servizos mínimos impostos, que acadan o 95% da actividade, e que a CIG xa recorreu por vulnerar o dereito fundamental á folga.

A decisión do Goberno local, que pretende que o servizo pase a xestión privada a partir de xaneiro próximo, resulta sorprendente cando nestes momentos se está negociando a Relación de Postos de Traballo (RPT) na que aparecen incluídos os postos do SAF, integrado por 29 persoas. Ademais, a CIG rexeita as escusas esgrimidas polo alcalde e a concelleira a respecto das dificultades de xestión do servizo ou para atopar traballadoras para facer substitucións, posto que o Concello podería contratar máis persoal para Servizos Sociais e xa ten de man unha empresa para cubrir ausencias.

Fronte ás pretensións do Goberno local de avanzar na privatización dos servizos públicos, as traballadoras continuarán adiante coa folga e coas mobilizacións contra unha medida que só traerá precariedade laboral, unha perda da calidade do servizo que se presta e un incremento do seu custe. Neste senso, a central sindical vén de solicitar unha reunión coa Xunta de Galiza e coa Deputación de Lugo para pedir a intervención de ambas Administracións e que se paralice o proceso de privatización do SAF.

Volver