Nova protesta da CIG para reclamar a readmisión do conductor despedido en Faibus

Nesta ocasión delegados/as da central desenvolveron unha concentración diante da sede de Autna no Rebullón
Vigo - 31 Mai 2019

A CIG continúa coas mobilizacións para esixir a readmisión dun traballador de Faibus UTE que foi despedido de xeito arbitrario tras reclamar os seus dereitos laborais. Desta volta a concentración tivo lugar este xoves diante das instalacións de Autna -unha das empresas que fai parte da UTE- no Rebullón para denunciar a actitude represiva da dirección con calquera persoa que reivindique os seus dereitos laborais.

Ao remate da concentración deste xoves diante da sede de Autna, o responsábel de Transportes da FGAMT e o secretario comarcal da CIG accederon ao interior das instalacións para solicitar unha xuntanza co xerente, que non se atopaba neses momentos. "Quedaron de trasladarlle a petición, pero aínda non nos responderon", indican.

Dende a FGAMT-CIG denuncian que este empregado “traballaba moitas horas que non se lle abonaban e carecía dun horario fixo, polo que decidiu reclamar; entón a empresa tomou represalias contra el e despediuno”. Alén da correspondente denuncia no Xulgado do Social, a central sindical puxo en marcha un calendario de mobilizacións para esixir a readmisión do traballador e que Faibus UTE respecte os dereitos laborais.

Con anterioridade xa se realizaron protestas no domicilio particular do xerente de Faibus, José Manuel Álvarez, en Mondariz, na casa de Roberto Álvarez Conde, un dos socios da empresa, en Ponteareas, e na vivenda de outro dos propietarios da compañía en Meira (Moaña).