Nova protesta para reclamar a readmisión da traballadora despedida por Pangea tras convocar as eleccións sindicais

Arteixo - 13 Dec 2022

A CIG-Ensino realizou unha nova concentración este martes para exixir a readmisión da traballadora á que Pangea Escuela Viva despediu xusto despois de convocar as eleccións sindicais. A protesta contou coa participación de pais e nais do alumnado que quixeron trasladarlle a Henar o seu apoio e sumarse así á reclamación a prol da súa reincorporación.

Hai que lembrar que a traballadora nunca recibira amoestación, queixa, aviso verbal ou escrito por parte da empresa sobre o desempeño do seu traballo docente, mais xusto uns días despois de preavisarse as eleccións sindicais e coñecer que se presentaba na candidatura da CIG, a traballadora recibía carta de despedimento “baseada nunha chea de falsidades”, apunta Henrique García, da CIG-Ensino da Coruña.

Malia os intentos de abrir unha negociación e os escritos de apoio asinados polas compañeiras, a empresa mantén un absoluto hermetismo, negándose a readmitir da traballadora, así como a darlle solucións ás condicións laborais do conxunto do persoal, que leva anos padecendo incumprimentos do convenio colectivo e sen que se lle recoñeza sequera a súa categoría profesional.

Diante desta posición de intransixencia, ademais das dúas concentracións realizadas até agora ás portas do centro escolar situado en Arteixo, tamén está convocada folga do 19 ao 22 de decembro. "Seguiremos intentando buscar solucións para evitar facer a folga, pero a empresa non parece apostar pola vía do diálogo", lamenta o representante da CIG-Ensino.

Neste contexto, a empresa prosegue coas presións sobre o resto do persoal, manobrando para desmobilizar e fomentar a desunión. Con este obxectivo, a dirección convocou de maneira individual as traballadoras, pretensión á que se negaron, polo que finalmente tivo que facer unha xuntanza colectiva para informar de que ía proceder a regularizar as condicións de traballo.

Para a CIG-Ensino este é un intento desesperado da empresa para que o persoal docente non secunde a folga. Neste senso, denuncia as actitudes antisindicais da empresa que non só incumpre coas súas obrigas laborais e salariais, senón que mesmo pretende coartar o exercicio efectivo dos dereitos fundamentais interferindo e coaccionando o proceso de eleccións sindicais.

Contratos en fraude e categorías sen recoñecer

Cómpre salientar que as traballadoras levan dende que comezaron a traballar padecendo incumprimentos laborais e salariais do convenio como contratacións en fraude, categoría profesional inferior á que lles corresponde (non están recoñecidas como docentes senón como instrutoras e polo tanto cobran menos do que deberían), realización de exceso de xornada, ou non cobrar nin gozar das vacacións. Ademais, non se lle respectan dereitos sociais como a gratuidade escolar das crianzas que teñen por ser persoal traballador da escola.

Esta precariedade contrasta co saldo positivo que ten a empresa, que se fixo co centro de Arteixo hai catro anos, e que en todos os exercicios obtivo beneficios. "Descubrir os balances positivos foi toda unha sorpresa", engade García, xa que Pangea se viña escusando na súa débil situación económica para perpetuar as irregularidades nas condicións laborais e salariais do persoal.

A empresa nin sequera quere recibir as familias das crianzas

Dende que se comunicou o despedimento o pasado 23 de novembro, a receptividade da empresa "foi nula", incluso cos pais e nais das crianzas. O 90% das familias asinaron un escrito pedindo a readmisión de Henar e que continúe coa súa actividade con normalidade, pero a empresa negouse a recibir o escrito e incluso a reunirse cunha representación das nais e pais que demandaban coñecer as causas do conflito. Un trato que non gustou ás familias e que a empresa agravou acusándoos de vandalismo por colocar faixas, cintas e globos solicitando a reincorporación de Henar.