Nova protesta pola readmisión das candidatas da CIG en Tato Pesca, que continúa coa represión laboral e sindical

Hoxe tivo lugar unha manifestación en Pazos de Borbén para rexeitar a persecución dunha encargada ás persoas que apoian a central
Pazos de Borbén - 06 Xun 2023

A FGAMT-CIG de Vigo desenvolveu hoxe unha nova mobilización en Pazos de Borbén para reclamar a readmisión de varias das súas candidatas nas eleccións sindicais celebradas nesta empresa e demandar o cese da campaña de persecución e acoso por parte dunha encargada contra o persoal que a apoia a central.

Nesta ocasión a protesta consistiu nunha manifestación que arrincou ás 10:30 horas dende a gasolineira da localidade e rematou ás portas das instalacións da compañía, no polígono industrial de Amoedo. Á fronte da marcha ía unha faixa na que se podía ler “Non á represión sindical en Tato Pesca”, e durante o traxecto berráronse consignas como “Xa chega de abusos en Tato Pesca” e “A encargada Margarita explota e tiraniza”.

Os problemas na empresa comezaron cando a central sindical decidiu preavisar as eleccións sindicais e presentar candidatura, xa que até o de entón Tato Pesca carecía de representación sindical,. “A resposta da dirección foi despedir a dúas integrantes da nosa lista antes do proceso, e despois das eleccións despediu a outro candidato”, explican dende a FGAMT-CIG.

Paralelamente, iniciouse unha campaña interna de “discriminación, acoso, insultos e faltas de respecto” contra as persoas que apoian a central sindical, “algo que obviamente non imos permitir de ningún xeito”. Por iso a CIG convocou unha primeira concentración diante da empresa o pasado 14 de abril, “mais dende entón a actitude da encargada non mudou, polo que continuaremos a mobilizarnos até que cesen estas actitudes”.

Medra a solidariedade

Ao remate da protesta desta mañá, o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García, salientou o feito de que “a solidariedade coas compañeiras vai medrando día a día”, ao tempo que censurou que a dirección non estea disposta a dialogar a pesar de terlle solicitado unha xuntanza para abordar o que está a acontecer.

“Por iso volveremos aquí a mobilizarnos todas as veces que faga falta até que rematen estes comportamentos”, asegurou. Neste senso, denunciou que a encargada dedícase a “perseguir e a humillar as traballadoras que ela entende que son da CIG; pero ela non é a única culpábel, xa que a empresa permite este xeito de actuar”. Até o punto de que hoxe mesmo parou a produción para que un grupo de empregadas puidesen saír das instalacións coincidindo coa protesta da CIG para amosarlle o seu apoio á encargada, “e mesmo colocaron unha faixa no exterior da nave expresando este apoio”.

Ademais, lembrou que a central sindical xa ten denunciado este caso diante da Inspección de Traballo, “e continuaremos facéndoo”. De igual maneira, recorreu xudicialmente os despedimentos para reclamar a súa nulidade, “tendo en conta que responden claramente a unha estratexia de represión sindical”.

Con todo, a central fíxose nas eleccións sindicais con 2 representantes no comité de empresa grazas ao apoio dunha importante parte do cadro de persoal, mentres que os outros 3 (2 entre os especialistas e 1 entre o persoal técnico e administrativo) foron para a UGT.