Nova xornada de folga do persoal dos centros socioculturais de Santiago

Denuncian que malia os paros e as protestas seguen sen resposta algunha desde o concello
Compostela - 11 Mai 2022

O persoal dos centros socioculturais de Santiago concentrouse esta mañá diante do concello compostelán, na Praza do obradoiro, coincidindo coa súa cuarta xornada de folga. O comité denuncia que “tres días de folga non lle pareceron abondo ao concelleiro Javier Fernández e ao alcalde , Xosé Sánchez Bugallo, para sentar a falar con nós”.

Catro días de folga secundados polo persoal da Rede de Centros Socioculturais, para denunciar a súa precariedade e que agora ten que sufrir a perda nos seus salarios porque o goberno municipal “non asume as súas responsabilidades e non dá a cara”, denuncian.

Un goberno ao que, advirten, xa “lle empezan a caer críticas dos e das usuarias do servizo polo peche de actividades que están pagando sen as poder gozar” e que os obriga a continuar con mobilizacións e novas xornadas de folga diante do seu “silencio e desgana”.

Demandas desatendidas

O persoal exixe unha mediación municipal ante a entrada das novas empresas para subsanar, na medida do posible, os erros que consideran que existen nos pregos “que o concello pasou por alto”. Único xeito de “evitar despedimentos e de que o noso convenio sexa respectado”, din.

Por iso animan tanto ao concelleiro responsable como ao alcalde a “redimir os seus erros administrativos e técnicos actuando como mediadores e apoiando o mantemento das condicións laborais do persoal do servizo”.

Lembran que o único que piden e seren escoitados, que recollan as súas propostas e que intenten chegar a acordos, como xa se ten feito con anterioridade. Porén, advirten, que “mentres a resposta sexa o silencio e o desprezo, continuaremos coa folga”.